publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Román Rodríguez salienta un investimento de 222.000 euros na reforma e ampliación do CEIP Laverde Ruíz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOuteiro de Rei
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou esta mañá o CEIP Laverde Ruíz (Outeiro de Rei) onde anunciou que o seu departamento ten previsto iniciar este verán as fases II e III das obras de reforma e ampliación do centro. Deste xeito dáse continuidade aos traballos da fase I, que comezaron en 2014, e complétase a mellora do colexio, que supón un investimento total de preto de 222.000 euros.

Segundo explicou o conselleiro o obxectivo da ampliación é atender o constante incremento de matrícula deste CEIP. Neste sentido sinalou que as melloras se enmarcan no plan de renovación e mellora de infraestruturas e equipamentos da Consellería de Cultura e Educación, que suporá un investimento de preto de 18,4 millóns de euros, e que ten entre os seus obxectivos dar resposta ás necesidades de creación de novos postos escolares nas zonas nas que a demografía así o demanda. Neste caso os centros educativos da localidade de Outeiro de Rei están a concentrar un gran número de solicitudes, dada a proximidade á cidade de Lugo e a construción de novas urbanizacións na vila.

Un proxecto en tres fases

As obras de ampliación deste CEIP estrutúranse en tres fases, a primeira delas xa rematada. As actuacións afectan ás plantas baixas do edificio principal e ao edificio anexo, co fin de dotar ao centro dunhas instalacións axeitadas e necesarias debido ao incremento do alumnado. A ampliación, unha vez completada, suporá a creación de ata 75 novos postos escolares ao crearse 3 novas aulas de educación infantil no edificio anexo, que deste modo pasará a destinarse a aulario de infantil.

As fases II e III, que se iniciarán no verán, terán como obxectivo a creación de 2 novas aulas con aseos compartidos no edificio anexo. Ademais, ampliarase o comedor mediante o traslado actual zona administrativa do edificio principal aproveitando parte do soportal do edificio. Con isto conseguirase mellorar o servizo administrativo dotándoo de tres despachos independentes para dirección, xefe de estudios e secretaría, que na actualidade dispoñen dun único local. Ademais modificarase a actual sala de profesores e reubicarase o local destinado a conserxería. Así mesmo reestruturarase a zona de entrada ao edificio, que actualmente dispón dun espazo de cortaventos moi reducido.

A primeira fase da reforma, xa rematada, consistiu na construción de unha aula de infantil con aseo propio; así como dun novo acceso para o alumnado transportado ao soportal de entrada ao edificio, dunha porta de emerxencia no comedor do centro, e dun patio cuberto para o alumnado de infantil adosado ao edificio, cunha superficie de preto de 154 metros cadrados. Así mesmo, colocouse un proxectado de monocapa nunha das fachadas do centro.

Cómpre sinalar que estas melloras se suman ás reformas realizadas nos últimos anos e ás achegas á biblioteca escolar do centro, ata conformar un investimento total –incluída a ampliación– desde 2009 de máis de 260.000 euros.

Durante a súa visita o conselleiro estivo acompañado pola delegada da Xunta, Raquel Arias; pola directora do centro, Ana María Doval; polo alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo; e pola xefa territorial da Consellería na provincia, María Carmen Gueimunde, entre outros membros da comunidade educativa e autoridades.

27 de marzo de 2015 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.