publicidade hoxe

Finalizan as obras de estabilización dun noiro próximo á ponte do Pedrido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBergondo
A-
A+

Co repintado da estrada no treito no que se desenvolveu a actuación, a Consellería de Medio Ambiente remata hoxe as obras de estabilización dun noiro da estrada AC-164, Guísamo-Ínsua, situado nunha curva moi próxima á ponte do Pedrido. As obras leváronse a cabo cos medios do operativo de conservación de estradas da Xunta de Galicia e requiriron dun investimento próximo aos 100.000 €.

O noiro, situado no punto quilométrico 6+100 da estrada, rexistraba pequenas perdas de material nos días de choivas e amosaba síntomas de inestabilidade, polo que a Axencia Galega de Infraestruturas programou unha actuación preventiva de estabilización para evitar o posible agravamento da situación.

A solución adoptada consistiu na colocación de bulóns (barras de ancoraxe), que suman un total de 633 ml, e a colocación dun malla de tripla torsión de 1.800 m2, para cubrición da superficie do noiro. Ademais, colocáronse 80 ml de drens que evitarán a acumulación de auga na superficie do desmonte.

Debido á envergadura da maquinaria utilizada e para garantir a seguridade viaria, foi necesario realizar cortes na calzada, permitindo o tráfico alternativo nun dos carrís.

Os traballos complementáronse coa reparación do firme da estrada no entorno do noiro e co repintado do vial, que se está a desenvolver no día de hoxe, co que se dará por finalizada a actuación.

5 de marzo de 2015 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.