publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta financia con 310.000 euros o programa de emprego ‘Artabria Emprega’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAresCabanasFeneMugardosNedaPontedeume
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar destinou máis de 310.000 euros ao programa integrado de emprego ‘Artabria Emprega III’ no que participaron un total de 169 persoas (mulleres, menores de 30 anos e desempregados de longa duración) dos concellos de Cabanas, Neda, Fene, Ares, Mugardos e Pontedeume. Esta actuación acadou que o 36% dos seus participantes atopasen un posto de traballo, é dicir, 61 persoas. Así o destacou esta tarde a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, na clausura da iniciativa, celebrada en Cabanas. Entre as accións que se impartiron destacaron cursos de alfabetización dixital, atención ao cliente, mozo de almacén, autoemprego ou carretilleiro.

Do Campo explicou que os programas integrados de emprego son medidas activas de emprego, que buscan a inserción laboral dos participantes a través dun tratamento integral. Deste xeito, combinan distintas accións como a orientación e o asesoramento, a formación, a práctica laboral e a mobilidade xeográfica. Establécese, nestes programas, que o obxectivo de inserción laboral será do 30 ou do 35 por cento. En xeral, os destinatarios destas actuacións son persoas desempregadas, preferentemente perceptoras de prestacións ou subsidios e, en xeral, colectivos de difícil inserción no mercado laboral.

Na provincia da Coruña, a Consellería de Traballo ven de financiar 12 programas integrados desenvolvidos entre 2014 e 2015, dos que se beneficiaron 26 concellos. A inversión nestas actividades, superou os 1,6 millóns de euros. Na mesma liña, a delegada sinalou que os programas integrados para o emprego contan este ano cun orzamento de 5,7 millóns para beneficiar a 2.000 persoas en toda Galicia.

Como principais novidades nesta convocatoria para o período 2015-2016, que xa saíu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), créase un tipo de programa integrado de emprego específico para persoas beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA) no que os custes subvencionables por participante serán máis altos (3.000€, fronte aos 2.400 dos programas ordinarios).Priman, ademais, os proxectos de xestión compartida para incentivar os procesos de fusión municipal e acadar unha xestión máis eficaz no desenvolvemento das accións de información, orientación e prospección de emprego subvencionados.

Ademais, a duración dos programas para 2015-2016 amplíase e establécense sempre por un período de 12 meses o que garantirá a atención completa das persoas participantes e o cumprimento dos compromisos de inserción. Os programas terán que incluír de xeito obrigatorio accións de carácter formativo e de intermediación laboral, e establécense obxectivos cuantitativos de inserción laboral das persoas demandantes de emprego participantes neles que non poderán ser inferiores ao 30% persoas participantes, ou ao 25% para o caso de persoas titulares da renda de integración social de Galicia. Cada proxecto terá unha duración de 12 meses.

23 de marzo de 2015 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.