publicidade hoxe

Cores Tourís supervisa os traballos para a prevención dos incendios forestais das comunidades de montes da Cañiza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís nos montes da Cañiza

Cores Tourís nos montes da Cañiza

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras executadas polas comunidades de montes da Cañiza grazas a colaboración económica da Consellería de Medio Rural e do Mar co obxectivo de previr e loitar contra os incendios forestais.

Na visita, Cores Tourís estivo acompañado do presidente da comunidade de montes, José Antonio Castiñeiras, así como do xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, e o xefe do Servizo de Incendios, Manuel Francisco.

O delegado territorial acercouse ata a parroquia de Petán, que xunto á de Ribadil, O Carballa-Oroso e Parada de Achas investiron en 2014 case 40.000 euros para a posta en marcha de devasas de roza mecanizada e faixas auxiliares. Estas comunidades obtiveron para este fin unha axuda por parte da Xunta de máis de 31.000 euros, o que supón un 80% do total do investimento. En concreto, Petán destinou un total de 7.300 euros para loitar contra o lume.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou que a administración autonómica está a traballar para que as comunidades de montes leven a cabo o control selectivo de combustible en devesas, faixas auxiliares de pista, rexenerado forestal así como na roza de penetración, rareo e eliminación de restos, “co fin de reducir a carga de combustible presente no mente e crear zonas de descontinuidade horizontal e vertical, contribuíndo a diminuír o risco de propagación de incendios e minimizar os danos causados por estes sinistros”, explicou Cores Tourís. Tamén facilitará que se constrúan puntos de auga.

Para estes dous fins, a Consellería de Medio Rural e Mar destinará dúas liñas de subvencións cun orzamento global de 8 millóns de euros, fronte aos 3,3 millóns cos que se contou en 2014. “A prevención engloba todas aquelas accións encamiñadas a eliminar ou reducir os riscos que poden ser causa da ocorrencia de incendios forestais e da súa propagación”, engadiu o delegado territorial, quen matizou que “a incentivación, por parte da Xunta, na colaboración dos titulares de montes veciñais en man común na realización de traballos de silvicultura preventiva, contribuirá a minorar as consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poden provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e produción destes montes, así como a fauna e o medio ambiente en xeral”.

Como novidade, este ano ábrese a liña de subvención para tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras, así como para selección de abrochos en rexenerado de eucalipto e a eliminación de acacias.

Poden acollerse a estas axudas os montes veciñais en man común da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto os consorciados coa administración que poderán facelo, eso sí, sobre a superficie non consorciada. A superficie forestal mínima por expediente será de 100 hectáreas.

O ano pasado, investiuse na provincia de Pontevedra un millón de euros en 110 actuacións destinadas a previr e loitar contra o lume, sufragando o 80% a administración autonómica. En total executáronse 17 pozos de auga e actuouse sobre 1.825 hectáreas para tarefas de limpeza e roza. En relación ao distrito forestal do Condado-Paradanta, en total investíronse 218.300 euros, cunha subvención de 175.000 euros.

José Manuel Cores Tourís aproveitou esta visita para facer un chamamento á implicación da cidadanía. “Aínda que estamos en temporada baixa de risco de incendios, está claro que as imprudencias e a gañas de facer dano tamén existen, polo que pedimos a implicación da cidadanía solicitándolle que extremen calquera acción que desenvolvan no monte en calquera época do ano. Entre todos temos que coidar dos nosos montes”, rematou o delegado territorial.

Éxito da iniciativa do porco celta

O delegado territorial aproveitou a visita para comprobar a evolución do proxecto de explotacións extensivas de porco celta que puxo en marcha fai varios anos esta comunidade de montes e que, segundo explicaron os seus responsables, “está a ser todo un éxito”.

O responsable territorial puido así felicitarlles polo boa andaina do proxecto que conta xa con máis de 200 cabezas de porco celta e que xa está a comercializar os exemplares criados nestes montes da Cañiza, iniciando ademais a súa andaina na exportación cara a mercados doutros países.

Este proxecto púxose en marcha en 2012. Os primeiros pasos supuxeron o acondicionamento de instalacións para a explotación extensiva do porco celta grazas a implicación da Comunidade de Montes de Petán con dous obxectivos: dinamizar económicamente a zona e previr os incendios forestais nos terreos lindeiros a esta asociación.

Deste xeito, o GDR do Condado-Paradanta involucrou á asociación ASOPORCEL como especialista en porcino extensivo conseguindo reunir a 88 propietarios particulares, “moitos dos cales vivían fora da provincia”, para que cedesen as súas parcelas. “Para este fin contamos coa inestimable axuda do concello de A Cañiza que colaborou connosco para que este proxecto fora unha realidade”, explicou José Antonio Castiñeiras, presidente da comunidade de montes de Petán.

O GDR desta comarca logrou unha subvención para este proxecto de 200.000 euros que permitiu actuar sobre unha superficie de 90 hectáreas pechadas perimetralmente ao longo de 12 quilómetros para evitar a fuga dos porcos celtas. Tamén se incorporaron infraestruturas como cabanas prefabricadas e bebedoiros con mangueiras para o autoabastecemento de auga dos animais.

“A colaboración inestimable de Asoporcel permitiu que contásemos con 92 individuos cunha xenética adecuada para a posta en marcha deste proxecto. Proceden de sete pequenas explotacións da Costa da Morte e que se están a adaptar cunha rapidez asombrosa”, engadiu Castiñeiras.

“Isto ven a corroborar que o éxito se acada cando se traballa con ilusión e con proxectos dinamizadores”, destacou pola súa banda, José Manuel Cores Tourís, quen felicitou a comunidade de montes pola súa labor e polo éxito da súa iniciativa.

5 de febreiro de 2015 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.