publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O IGAFA impartirá un curso de recolector de recursos específicos con técnicas de mergullo con 12 prazas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Illa de ArousaLocal Portada
A-
A+

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA), dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar, convoca un curso de recolector de recursos específicos con técnicas de mergullo. Este curso ten 12 prazas e os interesados en matricularse poden facelo dende hoxe e ata o 6 de febreiro.

Esta acción formativa impartirase no IGAFA, na Illa de Arousa, do 23 ao 27 de marzo e do 7 ao 17 de abril en horario de 09:30 a 15:00 horas. A finalidade do curso é que os alumnos/as matriculados poidan acreditar a súa capacidade para traballar nun plan de explotación a mergullo para extraer recursos específicos, como algas, ourizos, peneiras, longueirón, etc.

Antes da realización do curso os aspirantes seleccionados deberán facer unhas probas físicas en piscina. O listado de persoas seleccionadas para realizar as probas físicas publicarase o 5 de marzo no taboleiro de anuncios de IGAFA e na web da Consellería do Medio Rural e do Mar. A data de realización das probas físicas será o 9 de marzo ás 10:00 horas. Unha vez superadas estas probas deberán realizar o test de compresión e tolerancia ao osíxeno hiperbárico. Este terá lugar o 19 de marzo ás 10:00 horas e as persoas candidatas que non superen esta proba quedarán automaticamente excluídas.

Os interesados en matricularse poden consultar os requisitos necesarios, a documentación que teñen que presentar, os criterios de selección e o material necesario para realizar o curso na convocatoria que se pode consultar no taboleiro do IGAFA ou na web da Consellería do Medio Rural e do Mar. O curso está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), no marco do programa operativo FSE de Galicia 2007-2013, cunha taxa de cofinanciamento do 80%.

16 de xaneiro de 2015 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.