publicidade hoxe

O DOG publica a licitación da renovación da condución do depósito de San Simón a Vilalba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilalba
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a liciatación das obras de renovación da condución xeral desde o depósito de San Simón a Vilalba, por un importe de algo máis dun millón de euros.Con esta actuación, preténdese renovar un sistema de abastecemento obsoleto co fin de dotar o concello de Vilalba dunha rede de abastecemento de calidade e en cantidade, e con proxección de futuro, xa que terá capacidade para dar servizo a unha poboación de case 5.000 veciños no horizonte de 2037.

Na actualidade, o Concello de Vilalba dispón na actualidade dunha rede de abastecemento construída nos anos 60 en fibrocemento de diferentes diámetros, está moi deteriorada debido á súa antigüidade, polo que son frecuentes as roturas e como consecuencia importantes perdas de auga e cortes na subministración.

Esta tubaxe aliméntase por gravidade desde os depósitos de cabeceira de San Simón a través dunha redutora de presión. En época seca, cando o encoro de Pardasalbas non é capaz de subministrar o caudal requirido para a subministración, utilízase a captación das Cañotas no río Magdalena, e mediante un bombeo instalado na ETAP impúlsase a auga a un depósito elevado. Este depósito presenta deficiencias polas que se producen filtracións de auga potable.

Características técnicas

Co fin de dar solución aos problemas, proxéctase a substitución da actual tubaxe de fibrocemento, polo que se instalarán case 5 quilómetros de tubaxe de varios diámetros. No polígono industrial é imposible instalar a nova tubaxe na traza pola que discorre a de fibrocemento, xa que hai edificacións que obrigan a usar outro tipo de infraestrutura, polo que se instalará unha válvula redutora de presión con by-pass, para reducir a presión de 6 kg/cm a 2 kg/cm, situada no recinto do depósito para facilitar o seu mantemento.

Tamén se proxecta a impermeabilización do depósito e substitución de todas as conducións, desmontar e renovar totalmente a cámara de chaves e a conexión coa rede de distribución, así como a renovación dos accesos.

Augas de Galicia será o departamento encargado da execución desta actuación hidráulica e, polo tanto, aboará o 100% do investimento de licitación necesario (1.043.534), cuxo contrato público se prevé poder licitar a principios do vindeiro ano.

Desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas sinálase que con este tipo de colaboracións garántese o abastecemento e regulación dos recursos hídricos en calidade e cantidade, ao mesmo tempo que se aposta por un consumo responsable e polo fomento do seu aforro.

2 de xaneiro de 2015 | 12:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.