publicidade hoxe

As alegacións ao anteproxecto do Plan de Conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais poderán realizarse dende mañá

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoRibadeo
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o inicio do proceso de información pública do anteproxecto de decreto do plan de conservación do monumento natural da Praia das Catedrais, en Ribadeo (Lugo). Este proceso de participación pública prolongarase por un período de 45 días hábiles contando as partir de mañá, mércores, e paralelamente tamén se tramitará o Documento Ambiental Estratéxico (DAE).

Tras o inicio da tramitación do Plan de conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais, e despois dun primeiro período de participación pública, a Xunta de Galicia completará e mellorará o documento preliminar coa finalidade de compatibilizar a protección dos espazos protexidos co seu uso público e goce por parte da poboación.

Durante o período de información pública e audiencia que se abre mañá os interesado poden remitir as súas alegacións mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Toda a documentación poderá ser examinada na propia Dirección Xeral de Conservación da Natureza, en Santiago; no departamento territorial da Consellería de Medio Medio Ambiente en Lugo; ou na páxina web da Consellería: http://www.cmati.xunta.es/

O obxectivo xeral do Plan é o mantemento e restablecemento, nun estado de conservación favorable, dos valores ambientais que motivaron a declaración do Monumento Natural das Catedrais.

O documento propón as directrices, normas de uso público e actuacións destinadas a acadar os obxectivos previstos, así como un programa de seguimento para valorar o seu grao de consecución ao longo do período de vixencia do plan. A normativa xeral que incorpora o Plan de conservación elaborouse a partir dos obxectivos e criterios orientadores da normativa comunitaria, estatal e autonómica, nomeadamente do Plan director da Rede Natura 2000.

Un dos aspectos máis destacados do Plan é a regulación do acceso público ao monumento natural en períodos de máxima afluencia como a Semana Santa e entre o 15 de xuño ao 15 de setembro, nos que será preciso dispor de autorización do órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza. Porén, o cronograma previsto non considera limitar o aforo esta vindeira Semana Santa. Para ese período continuaranse coas medidas postas en marcha o verán pasado con guías especialistas que informen sobre os valores do monumento e sobre as súas presións e ameazas, tentando facer ver aos visitantes a importancia de conservar esta importante mostra do noso patrimonio natural.

En función dos cálculos previos de capacidade de acollida do espazo, estímase que o límite máximo que se estableza será de 4.967 visitantes diarios. Con esta medida preténdese, non só garantir a conservación do monumento natural, senón tamén evitar a estacionalidade da afluencia turística e mellorar as condicións de uso público no espazo.

O efecto máis evidente desta situación é a saturación dos servizos e accesos á praia, pero tamén o risco de degradación dos seus valores ambientais e paisaxísticos e, mesmo, da percepción global do que debe constituír un espazo natural protexido. A aprobación do Plan de conservación das catedrais suporá a regulación do uso público do espazo, facilitando unha mellora das condicións para a visita e difusión dos valores naturais e paisaxísticos do espazo.

Preto de 1,7 millóns de euros para os próximos 10 anos

A Xunta ten definido un total de cinco obxectivos estratéxicos con medidas concretas que no seu conxunto representan 12 liñas de acción para as que o Goberno galego destinará case 1,7 millóns de euros nos próximos 10 anos.

– Avanzar no coñecemento, nos riscos e nas ameazas con inventariados de hábitats naturais e das especies de flora e fauna silvestre, así como mellorar a información relativa á súa presenza.

– Evitar a perda de biodiversidade, fomentando a conservación de especies, con medidas como o seguimento, control e erradicación de especies exóticas e invasoras.

– Acadar un uso ordenado e compatible, reducindo a presión do uso público no espazo, favorecendo a desestacionalización da demanda, a promoción doutros puntos de interese turístico e implementando un sistema de concesión de autorizacións de acceso ao monumento nos períodos de maior afluencia de visitantes.

– Colaboración interadministrativa para a promoción do turismo sustentable, con melloras paisaxísticas no monumento natural, actuacións coordinadas para a ordenación de accesos e área de apartamento e para a promoción de medios de transporte alternativos.

– Favorecer o compromiso social, fomentar o coñecemento e a implicación social na conservación do monumento natural, mediante a promoción de campañas en coordinación con outras administracións, a comunidade científica e a poboación local.

As actuacións previstas no plan suporán unha xestión máis eficiente dos recursos públicos, ao representar unha planificación das necesidades de conservación do espazo.

No marco das políticas de sustentabilidade, a aprobación do Plan de conservación débese valorar como unha oportunidade de desenvolvemento das actividades económicas vinculadas ao sector turístico, hostalería e de ocio, compatibles coa conservación dos valores ambientais que motivaron a declaración do Monumento Natural das Catedrais.

13 de xaneiro de 2015 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.