publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta licita a redacción dos proxectos de sendas peonís e carrís bici nas estradas autonómicas da comarca da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArteixoBergondoCambreCarralCulleredoOleirosSada
A-
A+

A Xunta de Galicia licita hoxeun contrato destinado a analizar os treitos de estradas autonómicas da Coruña e a súa comarca nos que resulta conveniente executar sendas peonís ou vías ciclistas en estradas de titularidade autonómica para fomento da mobilidade sostible. O goberno autonómico inverterá máis de 100.000 na redacción do estudo, no que se proporán actuacións concretas que favorezan os desprazamentos a pe ou en bicicleta. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas utilizará o produto destes traballos para programar un investimento de máis de 28 millóns de € de fondos europeos que o presuposto comunitario 2014-2020 destina ao fomento da mobilidade sostible en Galicia.

Este contrato enmárcanse nun conxunto de actuacións que a Consellería de Medio Ambiente está a desenvolver para impulso das formas de transporte menos contaminantes, das que se derivarán importantes melloras medioambientais ao reducir a pegada de carbono.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez está a traballar no só acometendo melloras na rede viaria que faciliten a migración cara os desprazamentos en bicicleta ou peonís, senón tamén na adopción de medidas que favorezan a utilización do transporte colectivo (como a execución de aparcadoiros disuasorios) ou de medios de transporte público, mediante o plan de transporte metropolitano, que xa está implantado na área da Coruña.

Mediante o estudo que hoxe se licita se analizará a situación actual en relación ás sendas peonís e/ou ciclistas na rede de estradas autonómica, e se proporán actuacións concretas para favorecer unha mobilidade urbana e interurbana mais sostibles.

De xeito especial, analizarase a execución de sendas que permitan unha conexión urbana – rural para evitar a utilización do vehículo privado de curto e medio percorrido. Ordenando os distintos modos de transporte mellorarase ademais a seguridade viaria, estabilizando a circulación con velocidades mais homoxéneas e menores interferencias entre os distintos usuarios das estradas.

A área de estudio centrarase na comarca da Coruña, formada polos seguintes concellos: A Coruña, Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada, polo que o contratos licitado no día de hoxe suporá un beneficio para os case 400.000 habitantes desta comarca coruñesa.

O orzamento de licitación deste contrato de servizos, IVE incluído, será de 102.943,88 €, e o prazo para a redacción dos estudos iniciais e dos posteriores proxectos será de 12 meses.

Ademais deste contrato, a consellería licita tamén no día de hoxe outros dous estudos para identificación de sendas nas comarcas d e Vigo e Bergantiños, aos que se engadirán nos próximos días os estudos correspondentes noutras catro comarcas galegas.

As áreas de estudo foron seleccionadas tendo en conta o resultado dunha análise multicriterio na que se valoraron, para cada comarca galega, a poboación, a lonxitude da rede autonómica e dos treitos urbanos de estrada, e os incidentes rexistrados nos últimos anos nos que se viron involucrados peóns.

Traballos a desenvolver mediante o contrato

O contrato que hoxe licita a Axencia Galega de Infraestruturas comprenderá dúas actuacións diferenciadas: en primeiro lugar, realizarase un estudo inicial de identificación de sendas na comarca da Coruña, no que se analice a situación actual na área de estudo en relación ás sendas peonís e/ou ciclistas e se propoña a realización de actuacións concretas para resolver a problemática que poida detectarse; en segundo lugar, redactarase un proxecto construtivo no que se desenvolverán as actuacións identificadas coma necesarias.

O estudo inicial de identificación de sendas centrarase en relacionar os focos de atracción de peóns e/ou ciclistas (incluíndo focos de tipo comercial, sanitario, relixioso, deportivo, lúdico, industrial, residencial,…) cos seus puntos de xeración correspondentes (fundamentalmente residenciais). A continuación, deduciranse as rutas peonís e/ou ciclistas que os deberían de unir, identificando aquelas xa existentes, as xa planificadas, e outras onde podería ser necesario executar algún tipo de senda.

A continuación, realizarase unha análise comparativa da oportunidade de executar cada un dos treitos de senda identificados, para xerarquizar a proposta de actuación. Para apoiar o sistema de selección, incluirase unha estimación dos obxectivos a acadar coas actuacións propostas, segundo os indicadores que estableza a administración.

Finalmente, redactaranse un proxecto de construción no que se definirán as obras a acometer nos treitos de sendas identificados como necesarios. Co fin de favorecer a integración paisaxística e ambiental das sendas, na redacción dos proxectos de construción aplicaranse criterios para a súa correcta integración no territorio.

Outras actuacións da CMATI para fomento da mobilidade sostible

Galicia acolle un territorio caracterizado por unha elevadísima dispersión da poboación, o que deriva na existencia de gran cantidade de estradas. Ademais, os bordes das infraestruturas viarias teñen servido no pasado en Galicia de apoio como crecemento dos núcleos de poboación, o que ten favorecido a utilización indiscriminada dos vehículos privados, mesmo para desprazamentos de curto percorrido.

A Consellería de Medio Ambiente está actualmente a desenvolver diversos programas cos que se pretende favorecer a sostibilidade ambiental, reducindo a utilización dos vehículos privados, tanto mediante o fomento do transporte colectivo ou público coma coa execución de infraestruturas que favorezan a utilización de formas alternativas de transporte, menos contaminantes, coma as que se desenvolverán a raíz do estudo que hoxe se licita.

No capítulo de fomento do transporte menos contaminante, o plan de transporte metropolitano da área da Coruña, xa implantado, está a colaborar de xeito definitivo na potenciación do transporte público interurbano, ao reducir os custes do transporte.

Para favorecer o uso do transporte público e a utilización compartida dos vehículos fronte ao uso individual, a consellería, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, ten previsto licitar nos vindeiros días o contrato para a execución dun aparcamento disuasorio na zona de Lonzas, nunha parcela proposta polo Concello da Coruña situada no contorno da glorieta de conexión da AC-14 coa Ronda de San Cristóbal. Esta localización permítelle unha boa conexión coa rede viaria de accesos á cidade de A Coruña a través da autovía AC-14 no nó de Lonzas.

Con estes actuacións, o executivo autonómico pretende fomentar prácticas e comportamentos mais respectuosos co medio ambiente, facilitando ou facendo posible a circulación en condicións de maior seguridade para o conxunto dos usuarios.

2 de xaneiro de 2015 | 12:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.