publicidade hoxe

A Deputación de Lugo impulsa o estudo da natureza e a custodia do territorio das Insuas do Miño e Ollos de Begonte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, e o Presidente da Asociación Galega de Custodia do Territorio, Roberto Hermida Lorenzo, presentaron este mércores no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a nova programación de actividades organizadas para o vindeiro ano. Estas actividades lúdico formativas gratuítas están pensadas para concienciar aos lucenses acerca da importancia da conservación do medio como parte do patrimonio e factor de xeración de riqueza para a provincia. En particular, esta nova programación de actividades céntrase no impulso do estudo da natureza e a custodia do territorio comprendido nos espazos naturais das Insuas do Miño e Ollos de Begonte.

López Izquierdo salientou que a través destas actividades “impulsamos a conservación do noso patrimonio medioambiental ao tempo que promocionamos a investigación científica nos espazos naturais da provincia”. A Deputada destacou que a institución provincial ten un compromiso firme co mediambiente, non só pola súa trascendencia como parte “do noso patrimonio, senón tamén polo destacado papel que este pode execer como vía de futuro para xerar riqueza e fixar poboación na provincia”. Do mesmo xeito, Sonsoles López Izquierdo subliñou que durante o 2014 “máis de 1.000 persoas tomaron parte nas case 50 actividades medioambientais gratuítas, o que é boa mostra do interese que xeran este tipo de iniciativas entre os lucenses”.

Pola súa banda, o Presidente da Asociación Galega de Custodia do Territorio agradeceu a colaboración do organismo provincial e valorou moi positivamente a “sensibilidade da institución coas actividades de promoción, estudo e conservación do entorno medioambiental de Lugo”, xa que axudan a difundir a riqueza da provincia e formar aos lucenses no respecto e coidado do medio ambiente.

Tres obxectivos
Con este tipo de iniciativas postas en marcha dende a Área de Medio Ambiente, a Deputación aposta pola conservación dos valores naturais da zona, neste caso concreto das especies da flora e fauna propias das Insuas do Miño e Ollos de Begonte, a través de actividades de limpeza. Ao tempo, promociona o uso público dos recursos naturais da provincia con actividades medioambientais como a observación de aves, a construción de caixas niño e visitas guiadas para dar a coñecer máis polo miúdo as características deste medio natural. Por último, estas actividades contribúen á promoción da investigación científica, grazas á implicación do mundo universitario, así como a investigadores profesionais.

As actividades da Área de Medio Ambiente que se celebrarán durante o vindeiro ano serán, como sempre, totalmente gratuítas. Os interesados en participar poderán atopar información completa sobre o contido de cada unha delas, datas e horarios na web www.deputacionlugo.gal , a medida que estas se vaian confirmando.

1 de decembro de 2014 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.