publicidade hoxe

Touro celebra a VI Feira da Castaña e as X Xornadas Micolóxicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioTouro
A-
A+

O Concello de Touro inicia unha semana dedicada aos produtos do outono como a castaña e os cogomelos. O vindeiro mércores, día 5 de novembro, está prevista a celebración da VI Feira da Castaña, que incluirá un magosto popular. E desde o xoves ata o domingo (do 6 ao 9 de novembro) celebraranse as X Xornadas Micolóxicas.

A castaña será a protagonista de VI Feira da Castaña, que se celebra coincidindo coa ‘Feira do día 5’, que ese día de cada mes celébrase nas rúa de Fonte Díaz. O programa da feira inclúe un magosto popular previsto para última hora da mañá e aberto a todos os veciños e visitantes que queiran degustar castañas asadas nas brasas. O Concello de Touro pretende así pór en valor un froito típico do outono e con protagonismo na comarca. Tamén haberá visitas guiadas durante estes días ás máis de 15 ouriceiras que poboan o municipio. Todo interesado en coñecelas pode apuntarse na sede o Concello.

As X Xornadas Micolóxicas celebraranse en Touro do 6 ao 9 de novembro. Son xa dez anos que o Concello de Touro préstalle especial atención aos cogomelos. A afección á micoloxía tamén crece neste municipio nos últimos tempos. Nas xornadas haberá conferencias, saídas ao campo, rutas micolóxicas, exposicións, elaboración de receitas a base de cogomelos e degustación.

As xornadas finalizarán o fin de semana cunha ‘Ruta de tapas de pratos elaborados con cogomelos e castañas’, iniciativa na que poden participar todos os establecementos de hostalaría do Concello de Touro, que serán os encargados de eleborar variadas e saborosas tapas que teñen como protagonista estes produtos típicos do outono.

3 de novembro de 2014 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.