publicidade hoxe

Pazos de Borbén acolle unha charla sobre a prevención de roubos e falsificación de diñeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+

Baixo o título “Prevención de roubos e falsificación de diñeiro”, o Concello de Pazos de Borbén organizou unha charla co obxectivo de facilitar aos veciños asistentes unha serie de pautas e consellos que lles sirvan para previr roubos e timos, tanto na vía pública como nos seus propios domicilios. O coloquio celebrarase o venres 28 ás 19:00 horas no salón de actos da Casa do Concello. Mediante esta charla informativa impartida por axentes experimentados da Garda Civil, o Concello de Pazos de Borbén espera contar cunha ferramenta de prevención eficaz e útil para os seus veciños

O encontro está dirixido a toda a poboación, pero principalmente aos veciños maiores de 50 anos por ser o colectivo máis vulnerable a sufrir estes delitos. O coloquio está enfocado a explicar as situacións que aumentan o risco de sufrir un roubo ou ser obxecto dun timo co fin de aprender a facerlles fronte e a estar alerta. Durante a charla exporanse consellos como non comentar a proximidade das vacacións ou a súa duración, colgar fotos nas redes sociais mentres se está de viaxe ou a necesidade de coñecer as estafas existentes hoxe en día para poder detectalas a tempo.

O alcalde de Pazos de Borbén, Andrés Iglesias, destacou a importancia desta iniciativa xa que se dirixe a un “sector da poboación que, por desgraza, é moi vulnerable aos timos e estafas, e por iso o que pretendemos é que teñan toda a información posible para que podamos previr este tipo de situacións tan desagradables”.

27 de novembro de 2014 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.