Os “Contos na lareira” de Carlos Blanco e Celso San Martín adquiren dimensión solidaria en Vilagarcía
Carlos Blanco regresa a casa esta fin de semana co obxectivo de facer rir, emocionar e rememorar os tempos nos que as familias suplían a ausencia televisor con enriquecedoras tardes de reunións a carón do fogar para relatar historias. O actor vilagarcián virá a acompañado de Celso San Martín para poñer en escena os seus “Contos na Lareira”, un espectáculo que, a maiores de recoller a rica tradición oral e popular galega, adquire en Vilagarcía unha dimensión solidaria ao destinar parte da recadación ao neno multitransplantado Álex Dasilva e á Asociación NUPA.
Os creadores de “Noites de Retranca” presentan este sábado en Vilagarcía a súa última produción: “Contos na Lareira” un divertido e entrañable espectáculo protagonizado por Carlos Banco e Celso San Martín. A partir das 20:30 horas, os actores subirán ao escenario do Auditorio Municipal para representar un show baseado na tradición oral e na ancestral costume de conservar no tempo as historias mediante a transmisión relatada de avós a netos e de pais a fillos.
Os contos, as lendas galegas e doutras procedencias, a retranca, o humor, a maxia e tamén a morriña forman parte deste espectáculo que fai uso do moderno e do tradicional para chegar ao público. Ademais dos dous grandes actores e humoristas que protagonizan a obra, “Contos na Lareira” conta co atractivo engadido da firma de Cándido Pazó, responsable de enfiar os contidos.
E por si todo isto non fora máis que suficiente para garantir un cheo total no Auditorio, hai que engadir unha razón máis de peso. A promotora do espectáculo, Rababiero Producciones e os actores, decidiron colaborar coa familia do neno de Vilagarcía multitransplantado, Álex Dasilva, doando un euro de cada entrada para contribuír aos gastos e tratamentos do cativo de Vilagarcía.
Os prezos das entradas son 8, 10 e 12 euros. As localidades poden adquirirse de xeito anticipado a través de wwww.servinova.com e do teléfono 902 504 500, en ámbolos casos engadindo os custes de xestión. Tamén se poderán comprar o día da función no mesmo Auditorio a partir das 18:30 horas











