publicidade hoxe

O Concello de Soutomaior finaliza o asfaltado e acondicionamento no barrio de Lourido

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

O Concello de Soutomaior finalizou esta semana os traballos de acondicionamento e asfaltado do camiño principal do barrio de Lourido. O alcalde, Agustín Reguera, comprobou esta mañá o resultado final dos traballos acompañado polos concelleiros de Medio Ambiente e de Obras.

O proxecto conta cun orzamento total de 22.670 euros financiado pola Deputación de Pontevedra mediante o Plan urxente de mantemento de infraestruturas municipais 2014 .

Os traballos de mellora consistiron na limpeza das cunetas e noiros do camiño, o varrido e regularización do firme anterior e o asfaltado da superficie con aglomerado asfáltico de 5 cm de espesor. En total instaláronse 1.550 metros cadrados de novo firme no camiño, ademais de 6 tapas de rexistro para as drenaxes que permitan unha boa conservación do camiño evitando as acumulacións de augas pluviais.

Dada a ampla superficie do concello de Soutomaior, e o gran número de estradas e camiños existentes, a tarefa de mantelas todas en perfecto estado é complicada e require constantes proxectos de pavimentación, que rexeneren a capa de rodaxe, e a instalación de novas cunetas para canalizar as augas pluviais. Con esta intención, e ante a chegada das primeiras choivas, o goberno local acometeu estes traballos de mellora neste camiño do barrio de Lourido xa que se trata dunha estrada con gran tránsito de vehículos que dá acceso ao Castelo de Soutomaior e a instalacións de turismo rural.

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, mostrou a súa satisfacción coa calidade destes traballos e, que sumados aos realizados recentemente, como as melloras en diversos camiños no barrio de Moreira, “contribuirán a mellorar sensiblemente a calidade de vida de todos os veciños”, afirmou o rexedor local.

17 de novembro de 2014 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.