publicidade hoxe

As análises da Estación Fitopatolóxica do Areeiro na carballeira de Caldas detectaron a presenza de patóxenos en máis do 80% das mostras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisLocal PortadaPontevedra
A-
A+

Os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, confirmaron a presenza de diversos patóxenos na carballeira de Caldas de Reis, que poñen en risco a saúde das árbores e que están na base da morte ou caída dalgúns exemplares. Así se recolle no informe elaborado para o Concello, no que se especifica que no 82 % das mostras de solo analizadas existe Armillaria ou Phytophtora.

Concretamente, en 56 das 84 mostras de terra detectouse a existencia de Armillaria mellea, o que quere dicir que no contorno inmediato do 67 % das árbores está presente este fungo, coñecido tamén como “podremia branca da raíz” porque podrece a raíz da planta e, en consecuencia, produce a súa morte.

Ademais da Armillaria, no 38 % das mostras analizadas (32) detectáronse diversas especies de Phytophtora, que tamén pode causar a morte das plantas. En 19 áreas convivían os dous fungos.

No que respecta á análise da parte superior dos carballos, detectouse oídio en máis de 80 árbores e numerosos artrópodos en máis dun cento. Malia todo os técnicos de Areeiro consideran que a presenza destes insectos na copa das árbores é común e non reviste gravidade, ó contrario do que acontece cos fungos detectados no solo.

Por iso, no informe remitido ó Concello recóllense recomendacións para os labores culturais que se van realizar e para as que a Deputación xa concedeu unha subvención por importe de máis de 63.000 euros.

Entre as recomendacións incluídas figura que os labores de descompactación previstos se deben realizar sen desprazamentos de terra, para evitar así que os fungos se estendan ás áreas nas que aínda non ten presenza, ademais de ter coidado de non danar as raíces. Ademais, non se deberán aplicar estercos orgánicos nin minerais ricos en nitróxeno, dado que este elemento favorece a Armillaria.

No que respecta á Phytophtora recoméndase que se traballe o terreo de forma que se eviten os encharcamentos do solo xa que favorecen este fungo.

Traballos similares ós de El Retiro

Os traballos realizados en Caldas de Reis son similares ós que nestes momentos está a elaborar Areeiro no parque de El Retiro, a petición do Concello de Madrid.

Os primeiros resultados amosan que neste parque o problema central non é tanto a Armillaria (que ten presenza nalgunhas áreas pero non é a máis estendida) senón a Phytophtora.

Neste caso o Concello de Madrid, ademais do estudo do solo, encomendoulle á Estación Fitopatolóxica que, unha vez detectado o fungo na terra, se estude se este está afectando ou non ás árbores.

Para iso será preciso tomar mostras das raíces das árbores situadas nas áreas nas que se atopou o fungo na terra, para determinar se hai ou non afectación da planta e poder adoptar as medidas máis oportunas para cada caso.

24 de novembro de 2014 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.