publicidade hoxe

Xesús Vázquez destaca o labor dos docentes durante a súa visita ao CRA de Boqueixón-Vedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoqueixónLocal PortadaVedra
A-
A+
Xesús Vázquez na visita ao centro educativo

Xesús Vázquez na visita ao centro educativo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe o Colexio Rural Agrupado (CRA) de Boqueixón-Vedra, onde salientou o labor dos docentes que traballan nestes centros en prol do impulso do ensino no rural galego. Neste sentido recordou que este centro foi pioneiro na implantación da ‘Computación na nube’, polo que obtivo o cuarto posto no prestixioso Premio Internacional de Educared no 2011. “Grazas ao magnífico traballo destas profesoras e profesores, ao seu esforzo por buscar novas vías e iniciativas ilusionantes, este tipo de centros educativos están a ser, en moitos casos, referentes no eido da innovación, servindo como exemplo ao resto da comunidade escolar”, sinalou. Vázquez Abad destacou ademais a importancia desta iniciativa de comunidade virtual combater a dispersión poboacional, permitindo que o alumnado do CRA poida facer actividades de forma conxunta sen desprazarse.

Durante a súa visita ao CRA o conselleiro aproveitou ademais para felicitar ao profesorado e á directora do centro, Yolanda Neira, polas diferentes actividades que están a realizar ao abeiro do Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares (PLAMBE), así como na sección bilingüe que incorpora este curso o centro, na materia de educación plástica. “A Consellería está a responder tamén cumpridamente a ás escolas do rural, promovendo a súa participación nestes programas ou noutros como os de educación dixital”, dixo o conselleiro, sinalando ademais que o investimento do seu departamento neste centro desde o 2009 ascende a máis de 23.300 euros.

‘Computación na Nube’ é un proxecto piloto ao que a Consellería contribuíu dotando ao CRA de material informático para desenvolvelo, o que supuxo un investimento de 10.000 euros. Unha acción desenvolvida polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) sobre as posibilidades da computación cloud (na nube) aplicada e adaptada ás necesidades das escolas rurais, e que foi unha das tres seleccionadas a nivel mundial na convocatoria ‘Cloud computing and Education’ financiada por Hewlett- Packard Labs (HP Labs).

O proxecto de Cloud Computing está a funcionar nas 7 escolas que compoñen o CRA, beneficiando aos seus 90 alumnas e alumnos. Así, profesores e nenos poden comunicarse entre si, e traballar e facer actividades escolares de forma conxunta sen ter que desprazarse, a través da rede. Para iso contan coa tecnoloxía cloud, en nube, que permite acceder a unha serie de servizos informáticos e responder ás necesidades do usuario de forma flexible e personalizada, a través de internet e sen necesidade da axuda de expertos informáticos.

Cunha solución de software libre e código aberto os usuarios traballan nunha plataforma sinxela que é axeitada tanto para o profesorado como para os estudantes e as súas familias, grazas á que non é necesario contar cos recursos e programas instalados en cada ordenador, senón que se pode contar cos materiais didácticos e recursos de aula nun espazo común, dispoñible dende calquera ordenador ou incluso móbil, conectado a Internet, para todos os membros da comunidade educativa. Deste xeito, todo o material para o traballo colaborativo está en rede, a disposición de quen necesite empregalo, polo que non son necesarios emails, nin memorias USB, nin a instalación de software en cada ordenador.

CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto

Tras o seu percorrido pola escola unitaria o conselleiro achegouse o CPI plurilingüe Antonio Orza Couto (Boqueixón), onde está comezando a funcionar o proxecto ‘E-Dixgal’ de libro dixital implantado este ano pola Consellería e pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en 84 centros de toda Galicia. Durante o seu percorrido polo centro, acompañado do seu director, Jose Manuel Silva, Xesús Vázquez interesouse ademais polo funcionamento do contrato-programa asinado polo centro na liña de reforzo, orientación e apoio, así como polas diferentes iniciativas que desenvolve ao abeiro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).

Neste sentido o conselleiro agradeceu ao equipo directivo, docentes e demais membros da comunidade educativa o gran esforzo que están a facer para participaren en todos os proxectos educativos punteiros postos en marcha desde a Xunta de Galicia. Non en balde ademais de centro plurilingüe, para o que teñen o apoio dun auxiliar de conversa nativo de Estados Unidos, este centro conta con 2 seccións bilingües en 6º de primaria e leva anos integrado no Proxecto Abalar, ao abeiro do que este ano puido acollerse á iniciativa de implantación do libro dixital.

Pola súa banda a Consellería ten demostrado o seu compromiso co traballo deste centro, no que estudan 266 alumnas e alumnos, a través dun investimento no mesmo de máis de 336.000 euros desde 2009. Ao abeiro do mesmo, ademais da aplicación dos devanditos programas educativos, realizáronse obras de mellora en cuberta, cociña e instalación de gas.

1 de outubro de 2014 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.