publicidade hoxe

San Sadurniño converterase na capital do cine alternativo galego co Chanfaina Lab

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+

O Chanfaina Lab está xa organizado e só agarda a chegada o sábado pola mañá dos e das 23 cineastas e representantes da creación audiovisual galega que participarán neste novidoso proxecto. Moitos deles xa teñen elixido tema e localizacións, pero outros aproveitarán a primeira xornada para preparar o traballo de gravación do día seguinte. Porén, un dos momentos fortes do Chanfaina Lab será o encontro do sábado á noite na sala DZINE, onde ademais de ver algúns traballos representativos do chamado Novo Cinema Galego tamén haberá intercambio de impresións sobre todo o que rodea este movemento e a súa maneira de interpretar o país.

Entre as persoas que se apuntaron á iniciativa hai xente de longa traxectoria -e tamén renome- no mundo audiovisual. Alberte Pagán, Ángel Santos Touza, Alfonso Zarauza, Ánxela Caramés, Beli Martínez, Felipe Lage, Guillermo Arias-Carbajal, Jaiona Camborda, Juan Lesta e Belén Montero, Marcos Nine, Otto Roca, Pablo Portero, Sonia Méndez, Víctor Hugo Seoane, Xosé Manuel Sande e Xacio Baño pasarán dous días en San Sadurniño para levar adiante produtos de non máis de cinco minutos de duración e cunha total liberdade temática e creativa.

Canda eles tamén haberá xente do audiovisual local: o realizador e fotógrafo Miguel Noval, responsable da mediametraxe Cruces (2010); a xornalista cultural e especialista en audiovisual Ary López; o xornalista e realizador César Galdo e, por último, o tamén realizador Brais Breijo, responsable do documental Vida mariñeira: a pesca no Gran Sol (2014).

Aínda que poden facer o que queiran e como queiran desde o punto de vista narrativo, a Concellaría de Cultura só esixiu como condición que todas as parroquias do territorio se vexan reflectidas dalgún xeito. Non é que cada peza audiovisual deba incluír algo de cada sitio, senón que o Chanfaina Lab ofreza unha visión conxunta de San Sadurniño, ben a través da paisaxe, da xente e das súas historias. Por iso os participantes deberán elixir unha zona concreta como área de traballo, para o que se lles brindará apoio loxístico e coordinación desde a Aula CeMIT.

Como cumprirán o cometido os cineastas é un misterio. Algún deles revelou que traballará sobre a figura da marquesa, tamén hai noticia dunha peza que se centrará en plasmar a luz destes últimos días de verán; pero a maioría de autores e autoras agardarán a chegar, ver e tentar contar despois.

Programación
O programa preparado pola organización do encontro -encabezada polo académico do audiovisual Manolo González- sinala que entre as 9.30 e as 10.30 se fará a recepción dos participantes na sala DZINE. Despois trasladaranse á Casa do Concello e visitarán tamén os xardíns e mailo arboreto galego da Cortiña. Cara ás 11.30 h. marcharán á Aula CeMIT e empezarán a traballar na produción.

Cóntase que grande parte das localizacións se elixan pola mañá e que seguramente tamén sexa antes de xantar cando comecen a maioría das gravacións, que continuarán á tarde e na xornada do domingo. Cómpre ter en conta que San Sadurniño en xeral será un plató e que calquera persoa pode converterse en protagonista dunha historia. De aí que desde o Concello se lance o aviso de que ninguén debe extrañarse se ve equipos de gravación pola parroquia ou se lle solicitan participar na filmación.

O Chanfaina Lab ten tamén como obxectivo ser un punto de encontro entre a creación audiovisual alternativa galega. Por iso un dos momentos máis interesantes para o público en xeral será a xuntanza informal programada para as 23.00 h. do sábado tamén en DZINE. Alí proxectaranse obras e fragmentos de obras da xente do Novo Cinema Galego. Serán Película Urxente por Palestina, de Alberte Pagán; Videopoesía, de Juan Lesta e Belen Montero; Os señores do vento, de Xurxo Gonzalez; Septiembre, de Ángel Santos; Aarón, de Marcos Nine; Conversa cunha muller morta, de Sonia Méndez; Lap#1, de Otto Roca; Anacos, de Xacio Baño; L´equip petit, de Guillermo Arias-Carvajal; e dous fragmentos do filmes Los fenómenos e O tempo dos nenos, de Alfonso Zarauza e Víctor Hugo Seoane, respectivamente.

A proxección é a escusa perfecta para que se encontren creadores e creadoras do audiovisual, adscritos sen pretendelo ao que se deu en denominar Novo Cinema Galego. Unha corrente con entidade propia que mira o mundo desde a periferia cunha ollada propia e sen complexos. De feito, o Chanfaina Lab -igual que o propio prato que lle dá nome- quere ser unha mestura de puntos de vista e unha especie de trebón de ideas do que poidan saír proxectos de maior envergadura.

De momento é imposible aventurar o resultado dun proceso que, case con total seguridade, alumbrará microficcións, microdocumentais ou simples olladas contemplativas cunha alta compoñente experimental. Despois de marchar de San Sadurniño os autores e autoras terán ata o Nadal para preparar as súas curtametraxes de non máis de cinco minutos. Daquela o Concello organizará un ciclo de proxeccións de todas elas acompañado de mesas redondas nas que debater sobre ese grande mosaico visual do municipio e da súa xente que, ao cabo, será o que nos deixe o Chanfaina Lab. Ademais, todas as pezas estarán dispoñibles na web municipal e en Fálame de San Sadurniño.

4 de setembro de 2014 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.