publicidade hoxe

Uns 300 ciclistas participaron na “Festa da Bicicleta” en Soutomaior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSoutomaior
A-
A+
Participantes na Festa da Bicicleta de Soutomaior

Participantes na Festa da Bicicleta de Soutomaior

Ao redor de 300 afeccionados ao ciclismo celebraron onte a “Festa da bicicleta” organizada polo Concello de Soutomaior. A xornada ofrecía dúas propostas, unha para os máis pequenos e outra para os máis experimentados. Mentres os máis pequenos gozaban dun circuíto no Peirao, os maiores percorrían as rúas do municipio até o Pavillón da Montesiña, onde gozaron dun breve descanso con auga e refrescos.

O paseo comezou sobre ás 19:00 horas na chaira do Peirao de Arcade. Centos de bicicletas invadiron Arcade nun percorrido de perfil suave e apto para calquera idade. Mostra diso é a cantidade de nenos que se uniron aos seus pais no traxecto até o Pavillón da Montesiña. Foi o momento que moitos aproveitaron para recuperar o alento e hidratarse con auga e diferentes refrescos cortesía do Concello.

Para moito tamén foi a ocasión para lembrar a importancia de manterse en forma. Sandra, unha das ciclistas que participou acompañada do seu esposo e fillo, asegurou terminar a carreira “con máis esforzo do esperado”, ao que engadiu entre resuellos, “teño que adestrar máis”.

Para non entorpecer o tráfico, tanto na ida como no traxecto de volta fíxose unha parada intermedia na chaira do exterior do cemiterio de Salgueirón para que os coches que se atopaban esperando non estivesen retidos máis tempo do estritamente necesario. Todos os participantes resaltaron o ambiente festivo e familiar da xornada, con pais e fillos gozando xuntos do deporte. Unha vez de volta en Arcade, procedeuse a sortear entre todos os participantes dúas bicicletas e 20 cascos homologados.

10 de agosto de 2014 | 20:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.