publicidade hoxe

Uns 100 viticultores de Sober benefícianse das melloras en pistas e accesos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoSober
A-
A+

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo Presidente da Asociación de Veciños de Rosende, Eladio Fernández, supervisou este xoves o resultado das obras de acondicionamento dos accesos ós viñedos de Trampas, no Concello de Sober. Destas actuacións, financiadas integramente pola institución provincial con máis de 10.000 euros, benefícianse máis de 100 profesionais do sector vitivinícola, xa que supón unha notable melloría nos accesos ás estas zonas de traballo. Grazas a estas actuacións veciños e veciñas do Concello decidiron abrir novas explotacións, para buscar alternativas de futuro sólidas. O mandatario provincial destacou que, deste xeito, “contribuímos a cumprir cos tres obxectivos que ten marcados a Deputación: a creación de emprego, a mellora de dotacións no rural, e reactivación da economía, marcando un compromiso claro de colaboración cos Concellos de toda a provincia de Lugo”. Durante a súa visita, o Presidente tamén supervisou as instalacións do novo parque infantil do Concello, outra das obras que o organismo provincial financiou cunha achega de preto de 13.000 euros.

Compromiso con Sober

A Deputación de Lugo, dentro da súa aposta polo rural, levou a cabo diferentes actuacións en Sober, aforrándolle preto de 350.000 euros ó Concello. Estas actuacións foron financiadas grazas a programas como o Plan de Comunidades Veciñais, co que os veciños deste municipio recibiron axudas por valor de máis de 90.000 euros, que foron destinadas á mellora de infraestruturas e instalacións, como locais sociais, traídas de auga ou, coma neste caso, accesos a fincas, explotacións e vivendas. O Plan de Obras e Servizos é outro destes programas, co que a institución provincial investiu outros 46.000 euros.

Ademais, o Concello de Sober participa do plan de asesoramento enerxético da Deputación. Este plan, totalmente gratuíto para os Concellos, consiste no asesoramento ós municipios lucenses por parte dos técnicos provinciais para conseguir un aforro enerxético real e un consumo responsable. Con esta iniciativa, o Concello de Sober aforrou xa preto de 6.000 euros anuais na súa factura da luz. Do mesmo xeito, o organismo provincial, xunto ó Concello, mantén a axuda no fogar, destinando para este plan máis de 8.000 euros. Con estes investimentos, a Deputación reafirma os seus tres eixes de acción: a creación de emprego e actividade económica para recuperar poboación, o compromiso co sector público e cooperación máxima cos Concellos.

28 de agosto de 2014 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.