publicidade hoxe

O San Roque de Vilagarcía comezarán oficialmente co pregón de Manuel Millán e a tradicional ofrenda floral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioVilagarcía de Arousa
A-
A+

Vilagarcía dará mañá o “chupinazo” de inicio das Festas de San Roque 2014 co pregón de Manuel Millán e a tradicional Ofrenda Floral. A primeira xornada festiva contará co aliciente de poder volver a ver pasear polas rúas da cidade ao Xigantes e rematará coa actuación do grupo Cornelius. Continúa na zona da Baldosa a feira multisectorial e na Peixería comeza Viñagarcía, o Salón Gastronómico de Arousa.

Os vilagarciáns notarán dende primeira hora da mañá que a cidade xa está en festas grazas aos pasarrúas que realizará o grupo de gaitas Os Terribles de Arousa polo barrio de San Roque a partir das 10 da mañá. Ás 12:30 horas descubrirase unha das sorpresa preparadas pola Concellería de Cultura para estas festas: a recuperación dos Xigantes que realizarán unha comparsa polas rúas da cidade acompañados do grupo de gaitas. Na Rúa Valentín Viqueira (na zona da Baldosa) permanecerán abertos durante todo o día os postos da Feira Multisectorial.

Os actos mási representativos desta xornada inaugural das festas terán lugar á noitiña. Será ás 21:00 horas cando asomen ao balcón do consistorio as autoridades locais e o actor vilagarcián, Manuel Millán, pregoeiro das Festas de San Roque 2014. Tras a lectura do pregón, as agrupacións musicais, culturais e sociais da cidade incorporaranse á comitiva oficial para trasladarse a pé ata o atrio da igrexa parroquial de Santa Baia de Arealonga para realizar a tradicional ofrenda floral ao santo patrón da cidade. O alcalde, Tomás Fole, será o encargado de dirixirse ao santo en nome dos vilagarciáns.

O Salón Gastronómico de Arousa, Viñagarcía, abrirá as súas portas ás 21:00 horas na Praza da Peixería para ofrecer aos visitantes viños e diversos produtos gastronómicos. A cita está organizada polo club Arosa e conta coa colaboración do Concello.

O primeiro día das festas de verán rematarán coa música do grupo vilagarcián máis internacional. Cornelius ofrecerá a partir das 23:00 horas un concerto gratuíto no Parque da Xunqueira.

13 de agosto de 2014 | 11:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.