publicidade hoxe

A Reserva da Biosfera convoca un concurso de fotografías para render homenaxe ao “ouro verde” da comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAbegondo
A-
A+

A Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, os municipios do territorio da Reserva da Biosfera xunto coa Federación de Escolas Familiares Agrarias Galicia e Estrella Galicia organizarán un concurso de fotografías de actividades relacionadas co cultivo de lúpulo na comarca das Mariñas desde os anos cincuenta á actualidade.

Trátase dunha nova actividade baixo a denominación de “O ouro verde na comarca das Mariñas” coa que se pretende mostrar a importancia que tivo o lúpulo na zona e as “posibilidades que se abren de cara ao futuro” e polas que “vai apostar a Reserva da Biosfera”, segundo explicou o seu presidente, José Antonio Santiso Miramontes.

No concurso, colaborarán ademais dos concellos, empresas adheridas ao proxecto; Cooperativa LUTEGA e Corporación Hijos de Rivera. A participación no concurso está aberta tanto a profesionais como afeccionados, que poderán presentar as súas fotografías e documentos en puntos de recollida nos Concellos, nas oficinas do GDR Mariñas-Betanzos ou a través da web www.marinasbetanzos.org

Poderanse presentar tantas fotografías ou documentos como o participante estime até o próximo 31 de outubro.

Un xurado designado ao efecto, terá en consideración a adecuación das fotografías presentadas á convocatoria do concurso na súa parte xeral, así como a orixinalidade e importancia dos documentos antigos presentados na parte especifica.

Os gañadores poderán gozar dun orixinal obsequio facilitado pola Corporación Hijos de Rivera, que consistirá en “o teu peso en cervexa”; e unha “ruta agro-gastronómica para dúas persoas” outorgado pola cooperativa LUTEGA.

Outorgaranse dous premios, un en cada categoría convocada: Xeneral, fotografía nova e antiga. Especifica, documento antigo. Poderanse outorgar, ademais, outros obsequios e recoñecementos, como o xurado considere.

12 de agosto de 2014 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.