publicidade hoxe

A Deputación de Lugo inviste 12.000 euros na mellora de dotacións deportivas da Mariña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLugo
A-
A+

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, supervisou hoxe algunhas das actuacións levadas a cabo coa financiación da Deputación de Lugo na Mariña, en particular no Concello de Cervo.

Neste caso, as obras consistiron na instalación dun novo sistema de rego automático no campo de fútbol do equipo local, a Sociedade Deportiva Candelaria. Acompañada do presidente da sociedade deportiva, Benedicto García Eijo, a Vicepresidenta comprobou de primeira man o resultado das obras.

Este novo sistema de rego culmina o conxunto de actuacións que se realizaron neste campo de fútbol, que se atopaba moi deteriorado, obrigando ó equipo a ter que desplazarse a outros campos para poder xogar os partidos durante a pasada tempada. Agora, este campo de herba natural conta cun sistema automático de 24 puntos de rego, que permite ter un céspede en perfectas condicións para os encontros deste clube, que conta cuns 130 socios. A Deputación financiou integramente o seu custe cunha achega de 12.000 euros, grazas á cal o Concello conta agora cunhas renovadas instalacións deportivas.

Méndez destacou a importancia destas axudas que, se ben non poden superar os 12.000 euros, ó feito de ser solicitadas polos propios veciños “supoñen un salto cualitativo na súa calidade de vida, especialmente no caso das comunidades do rural, posto que son obras fundamentais para contar cos instalacións e servizos fundamentais”

Esta non foi a única axuda que recibiu o Concello de Cervo na pasada convocatoria, xa que en total a institución provincial destinou algo máis de 22.000 euros a financiar diferentes actuacións solicitadas polos propios veciños do municipio. De feito, con estas axudas tamén foi posible acondicionar as instalacións do Colexio Público de Cervo, a petición da asociación de nais e pais dos escolares do centro, achegando máis de 10.000 euros para a instalación dunha pérgola de paso entre o colexio e o polideportivo que se atopa ó carón do mesmo.

Preto de 400.000 euros para a Mariña
A Deputación permitiu a realización dun total de 47 obras en todos os Concellos da Mariña grazas a un investimento de 367.000 euros en concepto de axudas durante o 2013, xa que o importe das mesmas correspondía ó 100% do investimento necesario. Entre todas estas actuacións, coma sempre solicitadas polos veciños, tiveron un peso destacado –máis do 50% do total-, as de posta en marcha ou mellora de dotacións de uso comunitario.

Tras estas, o acondicionamento de accesos tanto a vivendas como a fincas de traballo supuxo preto do 40% e, finalmente, as obras de mellora e arranxo de fontes e traídas de auga sumaron algo máis do 10% do total.

14 de agosto de 2014 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.