publicidade hoxe

Aroa Freije finaliza novena no Campionato de Europa Xuvenil de Péntatlon en Suecia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Aroa Freije

Aroa Freije

Aroa Freije segue sorprendendo. Hoxe logrou en Uppsala (Suecia) a novena posición no Campionato de Europa Xuvenil de Péntatlon Moderno, unha categoría superior a que lle correspondería por idade. Así, Aroa foi a deportista máis nova mellor clasificada e das oito deportistas que tiña por diante, sete teñen dous anos máis de idade. Pola súa banda, Raúl Blanco foi 31º, cunha actuación máis discreta. A proba discorreu segundo o previsto. Na esgrima, a especialidade deportiva que comezou a practicar máis tarde e na que aínda non se encontra cómoda, non logrou un bo resultado polo que tiña que remontar no resto das probas.

Así, saíu a nadar ocupando a trixésima posición na xeral, pero na auga Aroa logrou o mellor tempo de todas as participantes e colocouse na 23ª posición. Primeiro paso dado, pero había que confirmalo na combinada. A galega foi a sexta mellor nesta última disciplina e logrou dar un salto de xigante na clasificación, ata situarse nunha magnífica novena posición. A italiana Irene Prampolini proclamouse campioa de Europa xuvenil. Aroa disputará a próxima semana o campionato de Europa cadete (a categoría que lle corresponde por idade) e espera loitar polos primeiros postos. O pasado ano logrou a medalla de bronce.

Pola súa banda, Raúl Blanco estivo moito máis discreto na final coa 31ª posición. El xa cumprira co seu obxectivo, que era lograr unha praza na gran final, entre os 36 mellores, e logrouno o sábado cunha gran actuación. Ademais, xunto a el tamén competían os españois Lluis Shivell e Joan Gispert, que non puideron clasificarse. No día de hoxe, estivo menos afortunado e non puido repetir a actuación das semifinais, na que ocupaba a 12ª posición.

20 de xullo de 2014 | 20:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.