publicidade hoxe

A promoción do Camiño e a dotación de instalacións deportivas, culturais e veciñais centran a xuntanza participativa de Sarria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoSarria
A-
A+

A promoción do Camiño de Santiago e do sector turístico, e a dotación e mellora de instalacións deportivas, culturais e veciñais foron algúns dos eixos en torno ós que xiraron as propostas que fixeron onte os veciños do partido xudicial de Sarria na xuntanza organizada pola Deputación para elaborar os orzamentos participativos do 2015. Esta asemblea acadou o récord de asistentes de entre as celebradas ata o de agora, cunhas 150 persoas, moitas delas representantes de asociacións da zona, que abarrotaron o salón de actos da Casa da Cultura.

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e os deputados de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos, conduciron o encontro, no que a Asociación de Amigos do Camiño  pediu a mellora da sinalización da ruta xacobea ó seu paso por Sarria e por unha estrada provincial que a cruza para gañar en seguridade. Neste senso, reclamouse que Patrimonio e en xeral as administracións sexan máis accesibles, estean coordinadas, e atendan de forma máis eficaz os problemas que lles trasladan os peregrinos.

O impulso de iniciativas para dinamizar os atractivos turísticos da comarca foi outra das propostas dos asistentes, que se mostraron preocupados pola forte caída de habitantes e o envellecemento.

Situación das piscinas

O Presidente, a preguntas dos veciños, explicou que a Deputación investiu 1,6 millóns de euros na construción das piscinas de Sarria, que darán servizo a toda a comarca, cumprindo así unha vella demanda veciñal. Neste senso, avanzou que pedirá explicacións ó Concello sobre os resultados do seu compromiso de xestionar fondos para dotalas de climatización e cal será a implicación da Xunta neste senso, se existe. “Imos ser tercos e pedirlle explicacións ó Concello de onde van eses cartos. O investimento da Deputación non pode arruinarse, alguén terá que explicar por que as piscinas seguen pechadas”, subliñou Besteiro. “Nós damos conta das nosas actuacións e o resto das administracións tamén teñen que facelo, dar a cara ante os compromisos”, engadiu. A pesar de prometer a construción das piscinas en varias ocacións, a Xunta non fixo ata o momento ningunha achega económica para o proxecto.

Campos de fútbol

Entre os asistentes, tamén houbo unha petición dun auditorio en Sarria; axudas para cambiar as portas e ventás dun local social en María de Vilar, neste mesmo Concello, para cuxa reforma a institución provincial xa deu axudas a través do Plan de Comunidades Veciñais; ou o arranxo das gradas do estadio de fútbol plantexado pola Sociedade Deportiva Sarriana, que agradeceu á Deputación que renovase o campo. Neste senso, Gómez Besteiro sinalou que a entidade luguesa está inmersa nestes momentos nun proxecto para que todas as comarcas teñan un campo de fútbol –só faltan tres complexos-, e unha vez concluído, estudarase a petición da Sarriana.

A Sociedade Cultural La Unión solicitou axuda para substituír a carpa do salón multiusos por unha cuberta de paneis cerrada e moderna, ante o que outro veciño reprochou que os fondos públicos non están para afrontar gastos de entidades privadas. O Presidente sinalou neste senso que a prioridade da Deputación é o público, aínda que está aberta a valorar investimentos para outras entidades.

Estradas e saneamentos

Besteiro confirmou por outra banda que o organismo provincial estuda como eliminar un chanzo lateral que quedou na estrada de Bande a Veiga de Anzuelos (en Láncara), despois de botar aglomerado en quente na calzada. Formuláronse tamén peticións para mellorar redes de saneamento, ante as que o Deputado de Cooperación apuntou que o organismo provincial dá axudas para estas actuacións, pero a competencia de impulsalas é dos Concellos, “de feito, son os que cobran logo as taxas”.

Un dos participantes propuxo reunións previas ás xuntanzas participativas para que os veciños acudan informados do proceso dos orzamentos e se fagan unha visión conxunta das necesidades comúns da comarca. Tamén se plantexou a necesidade de que a cidadanía cambie a mentalidade de “vivir da subvención”.

As intervencións dos veciños para expresar as súas preocupacións, e os problemas e necesidades que detectan nos seus concellos e pobos conformaron o bloque central dunha asemblea de dúas horas e media de duración, que arrancou cunha explicación sobre en que consisten os presupostos participativos, os obxectivos que perseguen e cal é o procedemento do organismo lugués para elaboralos. Besteiro detallou tamén como cumprimentar as fichas nas que os veciños plasmaron ó final do encontro a súa opinión sobre cales deben ser as prioridades do orzamento 2015. Expuxo así mesmo a estrutura dos presupostos provinciais: de onde proceden os ingresos; a donde van os gastos ou a evolución da débeda.
Prioridade, o emprego

Tras a introdución e a fase de intervencións, chegou o momento de cubrir as fichas de participación cidadá, nas que os veciños elixiron cales son, ó seu entender, as prioridades polas que debe apostar o orzamento da Deputación no seu partido xudicial. De entre 12 áreas de actuación, seleccionaron 3, puntuándoas do 1 ó 3, sendo 1 a puntuación máis alta, é dicir, a área que se considera prioritaria. As áreas sobre as que puntuar son as seguintes: fomento do emprego; promoción de novas tecnoloxías; desenvolvemento de políticas sociais; igualdade; coidado do medio ambiente; promoción de actividades económicas; infraestruturas; cultura; cooperación cos Concellos; promoción de políticas demográficas; fomento do deporte e impulso do turismo. Como xa ocorreu nas xuntanzas de Vilalba, Chantada e Viveiro, o fomento do emprego, cun 38%, foi a área prioritaria que marcaron maioritariamente os asistentes á xuntanza da Sarria, seguido de infraestruturas, cun 19%, e cultura e lingua, cun 9%.

Próxima cita, en Monforte

Tras o encontro de onte, a vindeira xuntanza participativa terá lugar o martes en Monforte, ás 20:30 horas, no Centro do Viño. Está dirixida a maiores de 16 anos empadronados no propio municipio monfortino e nos de Bóveda, O Courel, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober. As asembleas continuarán en Becerreá o 29; en Mondoñedo o 30; e en Lugo o día 31.   

Ademais desta ferramenta de participación, con encontros nos 9 partidos xudiciais da provincia, a Deputación abriu outra vía a través da Internet. Deste xeito, os veciños dos 67 Concellos da provincia poden facer ata o 10 de setembro as súas aportacións no portal web www.orzamentosparticipativos.com independentemente de se se teñen celebrado ou non xuntanzas participativas no seu partido xudicial.

18 de xullo de 2014 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.