publicidade hoxe

A cidade de Lugo cumpre 50 días de folga de lixos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugo
A-
A+
Europa Press

Os hostaleiros de Lugo estudan a posibilidade de reclamar ao Concello lucense danos e prexuízos polas perdas económicas derivadas da folga de recollida de lixo, que este martes cumpre 50 días.

Durante unha rolda de prensa da Confederación de Empresarios de Lugo, a Federación de Comercio, a Cámara de Comercio, a Federación veciñal e a Asociación de Empresarios da Hostalaría, o presidente da última organización, Cheché Real, advertiu de que se se segue así quince días máis, “haberá que pensar en regulacións de emprego”.

O presidente dos hostaleiros non quixo dar cifras globais das perdas asociadas ao sector, posto que prefire esperar a que finalice a folga, se ben un empresario presente na sala as cuantificou en máis dun trinta por cento.

Todas as organizacións representadas na rolda de prensa esixiron ao Concello de Lugo o fin do conflito. “Se ten que ser rescindindo o contrato, terá que ser así, pero non podemos estar secuestrados pola empresa”, clamou Real.

Pola súa banda, o presidente da Federación de Comercio, José María Seijas, alertou de que esta folga podería provocar “o peche de negocios” e lamentou a falta de “capacidade de reacción” do equipo de goberno local.

Pola súa parte, o voceiro da Federación Veciñal, Fernando Rois, anunciou que se reunirán coas asociacións do Concello para propoñer unha “varredura” popular e insistiu en que “privatizar servizos é malo porque as empresas solo pensan nos seus intereses”. “Nós pagamos relixiosamente os recibos”, contrapuxo.

29 de xullo de 2014 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.