publicidade hoxe

Un obradoiro de emprego para A Lama, Ponte Caldelas e Fornelos de Montes beneficiará a 20 alumnos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LamaFornelos de MontesPonte CaldelasPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, analizou esta mañá cos alcaldes de A Lama, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas, a posta en marcha do novo obradoiro Conca do Río Verdugo-Oitabén que formará 20 alumnos destes municipios.

Deste xeito, anunciou Cores Tourís, que a Consellería de Traballo e Benestar acaba de conceder este obradoiro de emprego para a comarca de Pontevedra, neste caso, conxunto para os concellos de A Lama, Pontecaldelas e Fornelos. Contará cun orzamento de 177.668 euros e 20 beneficiarios para as especialidades de traballos forestais (actividades auxiliares en conservación e mellora de montes), atención sociosanitaria en domicilio e institucións, e xardinería (instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes).

Neste encontro, o delegado territorial estivo acompañado do alcalde de A Lama, Jorge Canda, do alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez e do alcalde de Fornelos de Montes, Emiliano Lage.

O delegado territorial recordolles que estes programas contan con numerosas vantaxes xa que facilitan a posibilidade de acceder a un posto de traballo. Así mesmo, ofrecen unha formación teórica e práctica “de calidade, orientada ás necesidades reais do mercado laboral e vinculada á obtención dun certificado de profesionalidade de validez nacional” que contribúe á mellora da súa empregabilidade.

Estas iniciativas, segundo insistiu José Manuel Cores Tourís, “abren un importante espazo de colaboración cos concellos” no marco da aposta da Xunta pola eficiencia e optimización de recursos, co obxectivo de “orientar adecuadamente os esforzos”.

Ademais, segundo apuntou o delegado territorial, os obradoiros están vinculados á realización de obras e servizos de interese para a comunidade. No caso de A Lama, Ponte Caldelas e Fornelos de Montes, os alumnos levarán a cabo obras como o acondicionamento das rutas de sendeirismo de Foxo do Lobo e Tralos pasos do río Xesta, o mantemento do entorno da Carballeira Os Prados e a repoboación do polígono de Racelo, así como o mantemento de parques do núcleo urbano de Ponte Caldelas.

Cores Tourís rematou recordando que na provincia de Pontevedra a Consellería de Traballo e Benestar financiará 12 obradoiros que beneficiarán a 22 concellos e que contarán con 242 alumnos. O investimento roldará os 2 millóns de euros. Así, ademais dos concellos e A Lama, Ponte Caldelas e Fornelos de Montes, contarán con obradoiro de emprego os concellos de Vilagarcía de Arousa, O Grove, A Estrada, Cambados, Cangas, Mos, As Neves, Porriño, Redondela e as mancomunidades de O Salnés e Valmiñor.

En Galicia, serán un total de 53 os obradoiros ofertados, cun orzamento de 10,2 millóns de euros e 1.300 beneficiados.

25 de xuño de 2014 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.