publicidade hoxe

Licítase por 500.000 euros a mellora de tres estradas que discorren por Curtis, Vilasantar, Boimorto, Arzúa e Santiso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArzúaBoimortoCurtisLocal PortadaSantisoVilasantar
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, licita hoxe as obras de mellora de tres estradas da provincia da Coruña ao seu paso polos concellos de Curtis, Arzúa, Vilasantar e Santiso.

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo esta mañá un encontro de traballo co alcalde de Vilasantar, Fernando Pérez, no que tamén estivo o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Jose Antonio Álvarez. Na reunión, Do Campo aproveitou para presentarlle as melloras que afectan ao seu municipio, correspondentes á estrada AC-840 (Betanzos límite da provincia–A Golada). Neste concello xa se están a mellorar as beirarrúas da travesía.

Con todo, a máxima representante do Executivo galego subliñou que neste contrato tamén se inclúe a reparación doutras vías da zona: AC-231(Castellana-Sobrado) e AC-234 (Arzúa–As Corredoiras). En total, estes tres tramos suman máis de 50 quilómetros, nos que se investirán 533.000 euros.

O obxecto principal destas accións é mellorar o estado do firme existente con solucións localizadas definidas en función das necesidades de cada estrada nun período de seis meses.

Segundo explicou a delegada territorial, as estradas e treitos a actuar presentan na actualidade un deterioro superficial considerable, polo que se farán accións localizadas de reparación, rehabilitación e reforzo do firme, complementadas con pequenas melloras na drenaxe, nos noiros, na sinalización horizontal e vertical, nos sistemas de contención e no balizamento, para garantir un incremento das condicións de seguridade viaria e unha maior comodidade para o condutor.
Así, levarase a cabo o fresado único das zonas danadas e a reposición con mestura bituminosa en quente (MBC), o que suporá a rehabilitación do firme, concretamente, nas zonas singulares onde existe esgotamento estrutural deste elemento ou cando se observe que na superficie hai agretamento de tipo estrutural con zonas do carril cuarteadas e áreas das rodeiras con gretas lonxitudinais.

Así mesmo, realizarase o microaglomerado do firme cunha rehabilitación superficial localizada, co fin de corrixir deficiencias e defectos superficiais en zonas co pavimento moi fisurado pero non deformado. Grazas a esta actuación, veranse beneficiados os concellos de Arzúa, Boimorto, Curtis, Vilasantar, Santiso e Sobrado dos Monxes, é dicir, máis de 25.0000 veciños.

Do Campo explicou que todas estas medidas estanse a levar a cabo para cumprir co Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica, Plan MOVE. “Entre os nosos obxectivos está a redución dos sinistros e facilitar os desprazamentos, buscando sempre mellorar a calidade de vida aos veciños e veciñas do entorno”, concluíu.

23 de xuño de 2014 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.