publicidade hoxe

Comeza o estudo de impacto ambiental que pretende devolver o caudal na presa do Eume

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontedeume
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publicou o inicio do proceso polo que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental do proxecto de modernización do desaugue de fondo da presa do Eume.

Trátase dunha actuación con dous efectos beneficiosos: aumentar a seguridade da presa, porque os desaugues de fondo permiten controlar mellor o seu nivel; e soltar caudal ecolóxico por eles, incrementando a auga para que se desenvolva a vida nun tramo de 3,5 km. Non se prevén efectos negativos importantes pola apertura dos desaugues, e ademais imponse un intenso programa de vixilancia ambiental co que se controlará a tempo real o efecto desta apertura.

Na actualidade, o tramo do río entre a presa e a Central Hidroeléctrica do Eume (aproximadamente 3,5 Km) só recibe un caudal que provén das fugas das válvulas existentes do propio desaugadoiro de fondo e das achegas de auga que se producen nese tramo (afluentes, escorrentas de chuvia…), polo que desde Augas de Galicia se instou á empresa concesionaria a presentar unha proposta de alternativas co fin de solucionar esta antiga problemática.

Así, Endesa solicitou autorización as obras do “Proxecto de modernización do desaugue de fondo da presa do Eume”, co obxectivo de garantir a seguridade da presa coa modernización das válvulas dos desaugadoiros e proporcionar un caudal regulado de mantemento neste tramo de río. Ao afectar a un espazo incluído na Rede Natura 2000, determinouse a necesidade do sometemento do proxecto a avaliación de impacto ambiental, sendo autorizadas as obras en seco de “Actuacións de substitución de válvulas existentes tipo Bureau por novas tipo Howell- Bunger na presa do Eume”.

O estudo ambiental presentado da resposta ao requirido polo órgano ambiental e tamén ao resultado das consultas previas realizadas a diferentes organismos e entidades, incluíndose diferentes departamentos da Administración, asociacións ecoloxistas ou confrarías de pescadores.

Do estudo conclúese que o impacto global do proxecto é compatible co medio natural debido á ausencia de impactos ambientais críticos e a que os efectos poden ser previdos ou ben presentan capacidades ecolóxicas suficientes para recuperarse. En xeral, a posta en funcionamento das obras que se estudan teñen unha connotación ambiental positiva para a maioría dos compoñentes do medio afectado, ao producir un aumento do caudal do río no tramo no que a actual infraestrutura non permite o mantemento dun caudal ecolóxico.

Características xerais

O proxecto parte dun estudo de alternativas para proporcionar o caudal de mantemento, analizando aspectos ambientais, técnicos e construtivos resultando a alternativa seleccionada realizar unha derivación de cada un dos dous condutos de diámetro 1.500 mm dos desaugadoiros de fondo da presa. Tamén analizou as diferentes opción de manexo dos sedimentos actualmente existentes na zona da toma dos desaugues de fondo, resultando como opción elixida o dragado de 1200 m3 con transporte a vertedoiro autorizado, de modo que se evite o seu arrastre e saída polo fondo da presa.

O sistema de control de cada un dos dous condutos que constitúen o desaugadoiro de fondo dúas válvulas, de dimensións 1,5×1,2 m a de augas arriba e de chorro oco augas abaixo, de diámetro 1,5 m. Ademais, a derivación para o caudal de caudal de mantemento terá un diámetro 400 mm e terá tamén un dobre sistema de válvulas.

As probas de funcionamento dos novos desaugadoiros constarán de varias fases, nas que se procederá a probar todos os elementos da nova instalación. Na última fase seguirase un protocolo de aperturas graduadas (desde 2,8 m3/s ata 51,6 m3/s) para controlar a mobilización progresiva dos sedimentos.

Inventario ambiental

O Estudo de Impacto Ambiental inclúe unha análise profunda do medio físico, biótico, humano, paisaxe, espazos protexidos e interaccións ecolóxicas clave no que respecta situación actual, as posibles afeccións das actuacións e as medidas correctoras que se establecerán ao respecto. Os aspectos máis relevantes tendo en conta as características do proxecto son os seguintes:
• Hidroloxía superficial e estudo da calidade das augas do encoro. Caracterizouse a calidade das augas dende o punto de vista físico e químico, con especial fincapé na súa evolución ao longo do ano e nas variacións da mesma en toda a altura do encoro. Considerouse a osixenación, o pH, a temperatura, e o feito de que as augas do encoro presentan contidos baixos de metais disoltos, non superándose os valores de referencia establecidos na lexislación estatal vixente. Tampouco hai nel risco de eutrofización.
• Calidade das augas do río Eume e da ría de Ares, de modo que se puideran avaliar axeitadamente os efectos sobre elas da apertura do encoro.
• Sedimentos. O proxecto recolle datos da caracterización dos existentes no interior do encoro do Eume e un estudo da dinámica sedimentaria no río Eume e na ría de Ares. A mobilización de sedimentos augas abaixo será mínima xa que parte dos mesmos serán retirados previamente á apertura dos desaugadoiros, pero para favorecer en todo caso a súa mobilización progresiva e controlada estudáronse varias alternativas en función do caudal de saída dos desaugadoiros, a concentración dos sedimentos en suspensión do mesmo, os caudais vertidos polo aproveitamento hidroeléctrico augas abaixo da presa e a situación das mareas. Finalmente, proponse un protocolo de aperturas escalonadas progresivas tendo en conta todas estas cuestións.
• Flora e Fauna. Recóllense estudos sobre a flora e fauna no tramo afectado, contemplando medidas correctoras, como manter un caudal ecolóxico capaz de manter un nivel freático superficial nos primeiros tramos do río augas abaixo da presa, ou que durante as probas con caudais máximos se aumente o fluxo lentamente para permitir que a fauna poda desprazarse a lugares seguros. As probas realizaranse fóra da tempada de pesca ademais e avisarase tamén ás confrarías de pescadores.

Plan de vixilancia ambiental

Co fin de realizar un seguimento en tempo real durante as distintas fases do proxecto establécese un Plan de Vixilancia ambiental que inclúe:
• Fase de obras: Darase seguimento á turbidez e outros parámetros de calidade das augas do encoro durante as operacións de dragado e retirada de sedimento, e caracterizarase a auga antes e despois da realización das obras. Mediranse diariamente os parámetros físico- químicos e tomaranse mostras de sedimentos augas abaixo e augas arriba da presa, cun rexistro continuo da turbidez a pé de presa.
• Fase de probas: A toma de mostras ampliarase a 6 puntos de control, desde augas abaixo da presa ata a ría de Ares. Instalaranse trampas de sedimentos en diferentes puntos da ría de Ares para determinar a acumulación de sedimentos.
• Fase de explotación: Realizaranse diversos ensaios nos seguintes 3 e 6 meses, con mostraxes de elementos hidromorfolóxicos, biolóxicos e de sedimento ao longo de todo o tramo do río Eume situado entre augas abaixo da presa e a ría de Ares. Ademais, prevense directrices de actuación para o caso de situacións nas que sexa necesario reaccionar ante unha desviación dos parámetros analizados.

20 de xuño de 2014 | 14:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.