publicidade hoxe

A Pobra do Caramiñal recibirá unha axuda de 6.800 euros para a contratación de persoal na oficina de turismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Pobra do Caramiñal
A-
A+
Belén do Campo na Pobra do Caramiñal

Belén do Campo na Pobra do Caramiñal

A delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, mantivo esta mañá un encontro de traballo co alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, no que lle comunicou que o concello, declarado Municipio Turístico de Galicia, recibirá unha achega case 6.800 euros para a contratación de persoal este verán na súa oficina de turismo.

“Turismo de Galicia convoca estas axudas co obxectivo de manter a calidade no servizo de información turística e, deste xeito, potenciar a imaxe de tanto os Municipios Turísticos como de toda a comunidade no exterior”, indicou Do Campo. Esta acción enmárcase na liña de medidas impulsadas pola Xunta de Galicia en virtude da Lei do Turismo de Galicia. A norma determina unha atención preferente nas liñas de medida de fomento económico do Goberno galego para as entidades locais con este recoñecemento.

Do mesmo xeito, o Plan Integral de Turismo de Galicia recolle accións destinadas a impulsar o desenvolvemento dos destinos a través da creación dunha rede de técnicos de Municipios Turísticos para o fortalecemento dos mesmos como destino turístico. Búscase así todo o tipo de medidas como o desenvolvemento de campañas promocionais dos municipios de cara da desestacionalización, a creación dunha estratexia para a dinamización dos municipios turísticos con vocación sostible e enfocada á creación de destinos intelixentes, o establecemento dun Sistema Estandarizado de Recollida de Información de Estudos de Mercado turístico, a través de enquisas a visitantes e empresas do sector turístico dos municipios, así coma o seguimento de indicadores clave.

Neste senso, a delegada territorial indicou que na provincia da Coruña veranse beneficiados por estas achegas nove municipios: A Pobra do Caramiñal, Betanzos, Ribeira, Laxe, Miño, Fisterra, Cedeira, Padrón e Pontedeume. En total, recibirán 52.066 euros. En toda Galicia, o departamento autonómico inviste este ano 231.776 euros, dirixidos a 34 concellos das catro provincias galegas que contan coa distinción de Municipio Turístico.

Axuda para a Festa do Nazareno

Por outra banda, a máxima representante da Xunta na provincia recordou que esta axuda súmase á tamén concedida ao concello da Pobra para a celebración da Festa do Nazareno, que será de 3.500 euros.

Trátase dunha subvención destinada ao apoio, promoción e difusión desta festa, declarada de Interese Turístico de Galicia. Deste xeito, a Administración turística pretende impulsar este tipo de festexos, que teñen sigularidades e recoñecemento e prestixio a nivel autonómico e que supoñen un importante reclamo de atracción turística e máis un incentivo para as economías locais.

Serán gastos subvencionables os relacionados coa promoción e difusión turística da festa como publicidade, cartelaría, anuncios nos medios de comunicación, actuacións artísticas, material gravado referido á festa, etc.
 

26 de xuño de 2014 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.