publicidade hoxe

A Festa do Peixe de Bande contará cun campionato solidario de pesca de axuda aos máis necesitados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBandeCalendarioOurense
A-
A+
Presentación da Festa do Peixe de Bande

Presentación da Festa do Peixe de Bande

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación da 43ª edición da Festa do Peixe de Bande, unha das celebracións gastronómicas e culturais de máis tradición e máis antigas de Galicia. O acto contou coa presenza do presidente provincial, Manuel Baltar; o alcalde de Bande, José Antonio Armada; o representante do “Club O Peixe”, José Emilio Rodríguez, e o organizador da proba ciclista de BTT, David Sánchez.

Unha das novidades máis salientables desta edición é o “Campionato solidario de pesca” unha proba que ten como obxectivo axudar ás persoas máis necesitadas, e, nese senso, as capturas que os pescadores recollan no río o domingo, día 15, irán destinadas ao Banco de Alimentos de Ourense, segundo confirmou José Emilio Rodríguez.

A Festa do Peixe, declarada de Interese Turístico de Galicia, celebrarase en Bande a vindeira fin de semana, os días 13, 14 e 15 de xuño. “É unha das que maior arraigo popular ten na provincia de Ourense –explicou Manuel Baltar-, e proba diso son os centos de persoas que nestas datas, ás portas do verán, se achegan a Bande para gozar duns días de lecer, nun evento que xungue tradición, deporte, divertimento e un sinalado respecto pola natureza e o medio ambiente”, dixo o presidente provincial.

Baltar afirmou que a Deputación de Ourense “está sempre ao carón das nosas tradicións e de seguir impulsando a nosa cultura e costumes, e o Concello de Bande leva demostrando durante moitos anos o seu dinamismo e ambición por manter esta festa que, sen dúbida, é unha das más singulares de Galicia”.

Pola súa banda, José Antonio Armada destacou que a festa “debe o seu nacemento á iniciativa dun grupo de amigos que compartían a súa paixón pola pesca, e que hai máis de corenta anos decidiron realizar un concurso piscícola. Esta iniciativa consolidouse grazas ao apoio dos veciños e de institucións como a Deputación de Ourense, e hoxe, catro décadas despois, é unha celebración cun alto valor ecolóxico e medioambiental, que ten como principal evento o campionato de pesca”.

A festa recoñece a aqueles pescadores que teñen demostrado o seu compromiso cos nosos ríos, a preservación das especies e o seu coidado, que se traduce no premio especial póstumo “Antonio Rodríguez”, en memoria do concelleiro de Bande sempre vinculado ao campionato de pesca da Festa do Peixe.

Outra das novidades desta edición é a celebración dunha proba ciclista de bicicleta todo terreo (BTT). Segundo explicou David Sánchez “xa son máis de 100 os participantes inscritos, que percorrerán dúas rutas (de 30 e 44 quilómetros) nun trazado que servirá para poñer en valor a nosa natureza e paisaxe”.

Como cada ano, prevese que miles de persoas, cunha sinalada presenza de visitantes de Portugal, se acheguen a Bande para gozar desta singular festa que ten no peixe o seu atractivo principal, converténdose nunha das celebracións de gastronomía fluvial máis importantes de España. Gastronomía, tradición e ocio únense nesta festa, que logo de máis de catro décadas coloca a Bande como referencia dunha cociña natural, que exalta por riba de todo o peixe, pero tamén o pan, os doces e os pratos típicos de Bande e da Baixa Limia.

Ademais do campionato de pesca a festa conta con mercados de artesanía, stands gastronómicos, exhibicións de patinaxe, concerto de acordeóns, a actuación dos Bolechas para os máis cativos, unha ruta cabalar, e o acto de entrega de premios para as diferentes competicións. En definitiva, unha fin de semana en Bande de feira, música, deporte e gastronomía, “que fará un ano máis a ledicia dos visitantes que se acheguen a Bande a disfrutar desta celebración”, comentou José Antonio Armada.

11 de xuño de 2014 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.