publicidade hoxe

Sober conmemora as Letras Galegas cunha exposición, un concerto e unha excursión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O Concello de Sober, a través da Biblioteca Pública Municipal e en colaboración co CEIP Virxe do Carme, programou unha serie de actos con motivo do Día das Letras Galegas, que se conmemora o sábado 17 de maio.

Desde o pasado venres día 9 o Centro Sociocultural acolle unha exposición de carteis sobre a vida e obra do autor homenaxeado, Xosé María Díaz Castro, natural de Guitiriz. A mostra poderá visitarse ata o día 31 de maio.

O mércores día 14 haberá un concerto de solistas dos alumnos da Escola Municipal de Música no que tamén van colaborar os nenos e nenas do colexio que participan nas Merendas con contos e os membros do Club de Lectura Pintor de Castinande coa lectura dos poemas de Díaz Castro. O acto desenvolverase ás 18:00 horas no salón de actos do Centro Sociocultural.

O venres 16 de maio os nenos e nenas do CEIP Virxe do Carme farán unha excursión en autobús á casa museo de Manuel María en Outeiro de Rei. Ademais da visita guiada á vivenda, os nenos e nenas participarán nun obradoiro de escritura creativa e decoración de camisetas.

Tamén aproveitarán a saída para visitar o Grupo Radio Lugo-Cadena Ser onde recitarán poemas de Manuel María para a súa posterior emisión no programa O son da nosa fala, organizado con motivo dos cen anos da morte do escritor. A actividade é gratuíta para os alumnos posto que o autobús o sufraga o Goberno local de Sober e o xantar corre a cargo do centro.

13 de maio de 2014 | 12:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.