publicidade hoxe

Máis de setenta veciños de Frades participaron nun concerto didáctico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+
Concerto didáctico

Concerto didáctico

Máis de setenta veciños e veciñas de Frades, tanto adultos como nenos, participaron no concerto didáctico “O son que me arrola” programado polo Concello de Frades e que tivo lugar no CPI Pontecarreira, ofrecido pola asociación socioeducativa Antonio Gandoy, entidade sen ánimo de lucro que leva a cabo o proxecto Preescolar na Casa. “O son que me arrola” é unha proposta musical que ofrece a posibilidade de achegar aos máis pequenos a cultura tradicional galega, da man dos cantos de berce, das rimas e da instrumentación.

A actividade levada a cabo no CPI Pontecarreira incluíu un s 20 minutos de escoita deste tipo de música para logo dar paso a unha hora na que as familias se dedicaron a explorar os distintos instrumentos musicais, algúns profesionais e outros realizados con material de refugallo. O alcalde de Frades, Roberto Rey, asistiu ao obradoiro e destacou a importancia “deste tipo de actividades lúdicas onde a familia en conxunto pode compartir a nosa cultura tradicional e achegarse aos nosos instrumentos máis típicos”.

Letras Galegas

Por outra banda, o Concello de Frades vén de deseñar o seu programa de actividades co gallo do Día das Letras Galegas que, un ano máis, centralizarase no CPI Pontecarreira e que incluirá un total de 10 actividades para os ciclos de infantil, primaria e secundaria. Ademais deste concerto didáctico de “O son que me arrola”, os alumnos e alumnas de infantil poderán disfrutar do espectáculo. “O cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa”, que terá lugar o xoves 15 de maio, ás 11:00 horas. Trátase dunha sesión que inclúe unha representación e un obradoiro de decoración de bolechas, buscando que os pequenos aprendan a través do xogo e do humor.

Dous días antes, o martes 13 de maio, o alumnado de secundaria poderá participar no “Animalario fantástico”, un obradoiro plástico-literario que lles permitirá elaborar un animalario. A actividade, que terá lugar ás 12:45 horas, convidará aos rapaces e rapazas a mirar, escoitar, reflexionar e crear.

Por último, o Concello de Frades ten previsto a realización de 8 obradoiros creativos para os alumnos e alumnas de Primaria que comezarán esta mesma semana e que se prolongarán ata o 2 de xuño. Baixo o nome de “O lapis máxico”, estes obradoiros buscan que os nenos e nenas tomen contacto con todos os aspectos dunha representación teatral: guión, interpretación, iluminación, banda sonora…O obxectivo é que aprendan a traballar en equipo e poidan desenvolver as súas habilidades artísticas.

Todas as actividades están organizadas polo Concello de Frades, dentro do programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia.

5 de maio de 2014 | 19:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.