publicidade hoxe

Comezan as obras para a construción da EDAR de Malpica cun investimento de 5,5 millóns de euros

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, inicia hoxe, a través de Augas de Galicia, os traballos para a construción da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Malpica de Bergantiños que dará servizo a máis de 7.000 habitantes.

A nova depuradora valorada en preto de 5 millóns e medio de euros (5.458.513€), e cofinanciadas nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), solucionará as carencias no saneamento desta zona ao empregar un tratamento biolóxico innovador, similar ao da EDAR que se está a construír en Vigo.

Trátase dunha tecnoloxía de biofiltros no seu proceso de depuración, que permite reducir ao mínimo o espazo que ocupará a nova planta depuradora. Este aspecto, sumado a que a EDAR será confinada nun edificio de formigón, pedra e madeira, facilitará a súa integración no entorno portuario de Malpica, reducindo significativamente o seu impacto visual.

Ademais contará cunha depuración biolóxica para reducir a materia orgánica, a través dunha biofiltración acompañada de desinfección para limitar a emisión de contaminación microbiolóxica ao medio, a pesar de que as zonas de baño están afastadas.

Descrición das obras

A EDAR de Malpica situarase no extremo sur do Porto, lugar consensuado entre Augas de Galicia, Portos de Galicia e Concello tras varios estudos de alternativas.

As primeiras actuacións que se levarán a cabo serán a demolición dos edificios portuarios, que actualmente ocupan parte dos terreos nos que se situará a nova EDAR, a reurbanización da zona e a execución, nun emprazamento próximo, de novos departamentos para a actividade portuaria que substituirán aos demolidos. Para elo, necesitaranse 675 metros cadrados e un viario de cambio de sentido entre a EDAR e os departamentos do Porto.

Ademais da depuradora, proxectase unha nova rede de saneamento de recollida das augas no extremo este da praia de Area Maior de Malpica. Trátase dun novo colector, en PVC de 400 milímetros de diámetro, de entrada a un novo bombeo que recollerá as augas da parte este do paseo e da parte oeste a través dun colector existente, e as impulsará a través dun tramo de impulsión un colector por gravidade que conducirá as augas residuais a nova EDAR.

O pozo de bombeo estará composto por 2 bombas (unha de elas de reposto) de 28,2 l/s de capacidade e 5,1 kW de potencia cada unha.

Estes traballos de construción foron adxudicados á empresa UTE COPASA & Veolia Water Systems Ibérica, e previse o remate da execución das obras para finais do vindeiro ano 2015. A continuación, seguirá un ano de explotación en probas da nova planta.

15 de maio de 2014 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.