publicidade hoxe

‘Funambulistas’ gaña o XVI Premio de Narrativa Curta Ánxel Fole de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

Hoxe 22 de marzo outorgouse o XVI Premio de Narrativa Curta Ánxel Fole, convocado polo Concello de Lugo á novela curta de Mercedes Leobalde Funambulistas.

O Concello de Lugo, tendo en conta a experiencia dos últimos anos e a realidade do mundo literario e editorial galego, entendeu que o Certame de Narración Curta Ánxel Fole resultaría máis útil para a promoción das letras se, en vez de seguirse convocando como un certame para contos individuais con varios premios, se modificabann as súas bases para premiar cun único premio un libro de narrativa breve que poida consistir nunha novela curta ou nun conxunto de relatos, garantindo ademais a publicación deste libro por unha editora comercial. Ó mesmo tempo acordouse incrementar lixeiramente a dotación económica, establecendo o premio en 4.000 euros.

Un extraordinario éxito de convocatoria confirmou o acerto desta decisión: nesta edición presentáronse ó premio un total de 62 orixinais entre novelas curtas e libros de relatos.

O xurado deliberante, composto por Olga Novo, Marica Campo e Manuel Bragado (representante de Edicións Xerais de Galicia que publicará o libro premiado), acordou concederlle o premio nesta XVI edición, primeira do novo estilo, a Mercedes Leobalde, pola súa novela breve titulada Funambulistas.

Do xurado formaron parte tamén, pero sen voto, Carmen Basadre Vázquez, Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, que actuou como presidenta, e Darío Xohán Cabana, Coordinador de Publicacións do Concello, en funcións de secretario.

22 de marzo de 2014 | 20:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.