publicidade hoxe

Catro empresas turísticas de Ourense reciben o distintivo Q de Calidade Turística

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNogueira de RamuínOurense
A-
A+
Rogelio Martínez en Nogueira de Ramuín

Rogelio Martínez en Nogueira de Ramuín

Catro empresas do sector turístico ourensán veñen de incorporarse á listaxe de empresas distinguidas coa certificación de Q de Calidade Turística, para o que contaron coa apoio da Xunta a través de Turismo de Galicia. Así o anunciou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, na súa visita ao establecemento O remanso dos patos, un dos catro establecementos que vén de estrear este distintivo.

O delegado subliñou que estas industrias recibiron axudas do Executivo galego a través da liña de subvencións posta en marcha polo departamento turístico para a modernización e mellora de instalacións en hoteis, restaurantes, albergues e empresas de servizos turísticos complementarios, así como para a certificación, seguimento e renovación da marca Q de Calidade Turística.

Así, na provincia de Ourense son catro os locais que veñen de lograr a certificación que ofrece o Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE). Xunto con O remanso dos patos, emprazado en Penalba, no concello de Nogueira de Ramuín, estrean esta certificación o restaurante Comonacasa, do Carballiño; e as axencias de viaxe Viajes Compostela e Viaxes Piña, da capital.

Ademais, outros seis establecementos reciben achegas para a renovación e seguimento desta certificación.

Rogelio Martínez felicitou á propietaria do establecemento de Penalba pola distinción obtida e animouna a seguir traballando pola mellora da calidade do servizo turístico na provincia “algo fundamental para a satisfacción dos usuarios destes establecementos, e que sen dúbida se traducirá nun incremento de clientes e na revitalización da economía do sector”. Neste sentido, o delegado territorial valorou “o esforzo e o compromiso do Executivo galego para a modernización e dinamización do sector turístico “.

24 establecementos ourensáns
Na provincia de Ourense o número de establecementos e servizos turísticos coa certificación de Q de Calidade Turística sitúase en 24, deles 8 son hoteis, 5 restaurantes, 4 axencias de viaxes, 3 balnearios, 2 locais de esparexemento relacionados coa actividade vitivinícola, 1 casa de turismo rural e, por último, 1 empresa de turismo activo.

O Plan Integral de Turismo de Galicia inclúe entre as súas liñas estratéxicas unha liña orientada ao fomento do talento e ao aproveitamento das novas tecnoloxías para acadar un sector competitivo e un destino intelixente. Nesa liña encádrase unha acción dirixida á mellora na xestión e na innovación do sector que implica a implantación de sistemas de xestión como aposta clara para aumentar o grao de competitividade do sector turístico. Por este motivo, proponse o apoio á implantación de distintos sistemas de xestión que avalen un sistema turístico de calidade.

20 de marzo de 2014 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.