publicidade hoxe

A Deputación de Pontevedra colaborará co concello de Cotobade na mellora do acceso a Vila de Arriba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobadePontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra colaborará co Concello de Cotobade na mellora de varias vías de comunicación, entre as que figura o acceso a Vila de Arriba desde a Igrexa de Santa María de Sacos. Así o acordaron o presidente da Administración provincial, Rafael Louzán, e o rexedor local, Jorge Cubela, que mantiveron un encontro para analizar a situación de diferentes obras xa en marcha e para abordar novas liñas de cooperación.

Entre estas, figura o ancheamento da estrada de acceso a Vila de Arriba, onde se pretende eliminar varias curvas e anchear o trazado nalgúns puntos, dado que o seu estado actual dificulta notablemente a visibilidade e implica un grande risco para o tráfico e os peóns, tal e como lle expuxo Jorge Cubela ao presidente da Deputación.

A Deputación amosou a súa disposición ao financiamento destes traballos, mentres que o concello deberá xestionar os correspondentes permisos e a cesión dos terreos necesarios. Neste sentido, Jorge Cubela explicoulle a Rafael Louzán que a Comunidade de Montes xa lle amosou a súa disposición a colaborar coa cesión dos terreos que sexa necesario, algo que quixo agradecer especialmente, dado que a obra é unha demanda reiterada de toda a parroquia de Sacos.

Subida a Almofrei

Nesta mesma liña, Cubela transmitiu ao presidente a boa disposición e a colaboración amosada pola Comunidade de Montes, a Igrexa e os veciños afectados polo ancheamento da subida a Almofrei, que permitiu a obtención do 90% dos terreos necesarios para a execución destes traballos.

Desta forma, a Deputación de Pontevedra poderá iniciar xa, e así se comprometeu, a redacción do proxecto de execución para levar a cabo as obras. Así mesmo, a Administración provincial comprométese a atender as demandas veciñais e á reposición de todos os bens e servizos que se vexan afectados por estas obras.

No que respecta ao campo de tiro olímpico de Borela, Cubela transmitiulle a Rafael Louzán que se está á espera do correspondente permiso de Urbanismo para poder comezar a súa construción e pediu a colaboración da Deputación para conseguir que este proxecto saia adiante e sirva de dinamizador económico do concello.

Rafael Louzán transmitiulle a súa plena disposición para colaborar e executar os traballos en varias fases, malia que primeiro haberá que obter os permisos necesarios e o concello deberá realizar o proxecto.

Campo das Estremas e parque de maquinaria

Así mesmo, Rafael Louzán transmitiulle ao rexedor local que entre abril e maio darán comezo os traballos para dotar de herba sintética o Campo de Fútbol das Estremas, no que adestran 200 nenos das escolas deportivas, 3 equipos de veteranos, ademais dos equipos federados de Cotobade e Caroi; e que tamén é inminente o inicio das obras de mellora do abastecemento de Auga en As Lagoas (Rebordelo), e de varios camiños municipais en Cotobade, incluídos no Plan de Investimentos de 2013.

Finalmente, o rexedor local solicitou o apoio do Parque de Maquinaria da Deputación para acometer melloras no contorno do Observatorio Astronómico, da Casa do Pobo de San Xurxo de Sacos –actualmente en obras -, e do recinto da igrexa de Valongo. O concello achegará todos os materiais necesarios para a realización deses traballos e a Deputación porá a maquinaria necesaria.

6 de marzo de 2014 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.