publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Concello de San Sadurniño lembra a Rosalía de Castro no aniversario do seu nacemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Hoxe fanse 177 anos do nacemento de Rosalía Castro. Muller e escritora. Poeta de saudades que creou todo un universo de sentementos marcada, quizais, pola súa orixe espuria e pola sombra ás veces demasiado escura que sobre ela proxectaba o seu marido, Manuel Murguía. O tempo fíxolle xustiza como creadora tanto en galego como en castelán, e tamén como muller que se rebelou a través da poesía contra unha sociedade opresiva e represora do xénero feminino. Unha muller que en certa medida “teceu soa a súa tea”, como ela mesma escribiu en Follas Novas e como nos lembra a actriz Ana Hermida, metida na pel da escritora para descubrirnos unha Rosalía distinta a través da lectura entre liñas da súa poesía.

As rapazas e rapaces do CPI asistiron no aniversario rosaliano a algo dificil de encadrar dentro das artes escénicas, a medio camiño entre o monólogo, o teatro ou unha performance interactiva.

“Tecín soia a miña tea” é unha homenaxe á escritora compostelá que se vale da dramatización para amosar unha Rosalía actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra… O desexo e ansias súas polo teatro: “eu quería ser actriz e non me deixaron” escribiu.

Unha Rosalía, a veces divertida, outras reivindicativa, dura. Unha muller interpretando a outra muller. Poemas, e algunha canción para honrar, en definitiva, a nai da nosa terra.

Ana Hermida, pertencente á asociación Lisístrata, presentou a peza no recibidor do CPI para parte do alumnado dentro dunha iniciativa impulsada polo departamento municipal de Igualdade. Posteriormente percorreu varias aulas interrompendo as clases que se estaban dando. Unha visita sorprendente para a rapazada, que gozou durante uns minutos da poesía e, sobre todo, da mensaxe que Rosalía Castro de Murguía deixou gardada nos seus versos. 

24 de febreiro de 2014 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.