publicidade hoxe

Diego Calvo asegura que devolveu as axudas que cobrou sen asistir a reunións do Porto de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
E.P.

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo (PP), afirmou que devolveu as axudas de custo que cobrou da Autoridade Portuaria de Ferrol por reunións do consello de administración ás que, segundo publica o diario ‘El País’, non asistiu.

Nun comunicado, Diego Calvo saíu ao paso desta información na que se afirma que, de xaneiro de 2012 a xullo de 2013, o Porto de Ferrol gastou 22.166,51 euros en pagar axudas de custo de asistencia a conselleiros que non acudían aos consellos de administración.

Entre eles, a información de ‘El País’ sinala que estaba o presidente da Deputación coruñesa, “que percibiu 4.565,66 euros e que non asistiu presencialmente a ningunha das sesións en 2012”.

O presidente provincial puntualiza que os ingresos en concepto de axudas de custo pola asistencia aos consellos de administración os fai “o propio Porto de Ferrol conforme ao seu regulamento”.

Engade tamén que a Avogacía do Estado, “nun informe, aclara que o cobramento destas axudas de custo é absolutamente legal posto que a delegación do voto leva consigo unha responsabilidade nas decisións adoptadas no consello de administración da Autoridade Portuaria na que os membros do consello responden deses acordos co seu patrimonio persoal”, apunta.

Non obstante, afirma que, aínda que non mediaba ningunha obriga legal, por responsabilidade e sentido ético”, en canto tivo coñecemento da regularización das cantidades correspondentes ao ano 2012, exercicio no que asegura delegar o voto no daquela presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol, procedeu “á devolución inmediata dos 4.565,66 euros ingresos” na miña conta bancaria”, conclúe.

11 de febreiro de 2014 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.