publicidade hoxe

A presenza en Xantar “fai que Sober poida ter 20.000 visitantes máis”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, destaca que a presenza da localidade a través dun stand propio no Salón Internacional de Gastronomía e Turismo, Xantar 2014, en Ourense, fai que Sober poida ter 20.000 visitantes máis, posto que todos os asistentes puideron coñecer de preto todos e cada un dos encantos da localidade. O salón pechou a súa XV edición con máis de 20.000 asistentes entre profesionais do sector e público en xeral.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, presidiu onte a clausura oficial do salón no día dedicado aos patrocinadores e colaboradores de Xantar, á cidade de Villareal e aos Concello do Barco, Sober e Vila de Cruces. Ao acto asistiu ademais a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias e o alcalde de Sober.

Todos eles estiveron presentes tamén na degustación de viño de Amandi con galo de curral que ofreceron os Concellos de Sober e Vila de Cruces para promocionar os seus produtos máis emblemáticos. Ao acto asistiron ademais o vicepresidente da Xunta, a conselleira do Medio Rural, o alcalde de Ourense e o delegado territorial da Xunta na cidade das Burgas.

Material turístico da localidade

O Goberno local de Sober aproveitou a súa presenza na mostra gastronómica para dar a coñecer a Feira do Viño de Amandi, que terá lugar en abril, así como para distribuír a guía que editou o Concello con todas as adegas amparadas pola D.O. Ribeira Sacra.

O Concello de Sober foi o único da zona sur en contar cun stand propio no que se podía ter acceso a abundante información turística, como a ruta dos miradoiros, as casas de turismo rural, empresas de actividades turísticas, o tren turístico ou a olería de Gundivós, entre outros. Tamén tiveron espazos propios de promoción da Ribeira Sacra o Consorcio de Turismo e o Concello ourensá de Parada do Sil.

10 de febreiro de 2014 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.