publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Zas inaugura a rede de dinamización lingüística “Cantámosche os Reis”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaZas
A-
A+

A Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, coordinada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de poñer en marcha o obradoiro de música tradicional “Cantámosche os reis”, no marco da programación “Nadal en Rede”, coa que se quere promover e reforzar a celebración do Nadal en galego por medio da galeguización dos festexos propios desta época en 60 dos concellos da RDL. “Cantámosche os reis” levarán, da man dos músicos Pablo Díaz e Olga Kirk, obradoiros de cantos de Nadal, Aninovo e Reis a 21 localidades de Galicia.

Con esta iniciativa, dirixida a asociacións culturais e veciñais e mais ao público xeral, búscase recuperar a tradición de interpretar nadais, aninovos e reis polas casas de cada localidade, tal e como se facía antano, e promover así a presenza e o uso do galego nas celebracións do Nadal.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou hoxe “Cantámosche os reis” en Zas, acompañado por Zaira Rodríguez, responsable de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, entidade cofinanciadora da iniciativa nos concellos desta provincia que acollen a actividade. No acto, que tivo lugar no auditorio de Baio previamente ao desenvolvemento da primeira das sesións, tamén participaron o rexedor municipal, Manuel Muíño Espasandín, e mais os músicos Pablo Díaz e Olga Kirk.

García Gómez salientou “a importancia de recuperar as tradicións musicais das festas do Nadal, coas que se establecían lazos veciñais moi importantes e das que participaba toda a veciñanza, convertendo a palabra cantada en galego no centro das relacións sociais do lugar”.

Nadais, aninovos e reis en 21 localidades

Na segunda edición de “Cantámosche os reis”, a actividade percorrerá entre decembro e xaneiro un total de 21 municipios da RDL animando á veciñanza a recuperar e a compartir as cancións típicas do Nadal aprendéndollas á xente nova. Logo da actividade desta mañá en Zas, “Cantámosche os reis” chegará este sábado á Coruña, cun obradoiro ás 12:00 horas no Centro Ágora, e, xa o domingo, as localidades anfitrioas serán Ribas de Sil e Monforte de Lemos. No primeiro dos concellos, farase o obradoiro no Salón de Actos do Concello, ás 16:30 horas, e no segundo, ás 19:00 horas, na Biblioteca Municipal.

A actividade completará o seu calendario de “Nadal en Rede” nas localidades de Carnota, Frades, Bóveda, A Pobra do Brollón, Forcarei, Carballedo, Pontecesures, A Lama e Soutomaior, durante o mes de decembro, e de Pontedeume, Fene, Ponteceso, Dumbría, Cabana de Bergantiños, Maside, Toén e Celanova, ata primeiros de xaneiro. No caso das localidades coruñesas que a acollerán “Cantámosche os reis”, a Deputación da Coruña colabora no financiamento coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

‘Nadal en Rede’

“Cantámosche os reis” insírese na ampla oferta de actividades de dinamización lingüística, materiais e recursos que ofrece a RDL no marco do programa “Nadal en Rede”, integrado na propia programación anual de actividades. Ademais dos obradoiros de música tradicional, o público familiar poderá gozar coa peza de teatro de monicreques “O Crebanoces”, un clásico do Nadal baseado no conto homónimo de Hoffman, con música de Tchaikovsky e interpretado por Larraitz Urrozola, que chegará durante esta semana a Sobrado, a Quiroga, á Laracha e a Rois, no itinerario previsto por outros 24 concellos da RDL.

O alumnado de infantil e primeiro ciclo de primaria de 16 centros de titularidade da Consellería de Cultura e Educación están a recibir desde a semana pasada unha visita moi especial, a dos Reis Magos de Oriente, de xira por Galicia con “Lingua de Reis”. A iniciativa, que repite este ano no marco da segunda edición de “Nadal en Rede”, quere animar a xente miúda da casa a escribirlles e falarlles en galego ás Súas Maxestades. Esta semana, Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán –en colaboración cos Concellos- o alumnado de Castro Caldelas, A Veiga, Melón, Ramirás, Caldas de Reis, Cerdedo, Bande, Cea, Mesía e A Baña.

O programa “Nadal en Rede” inclúe outras propostas pensadas para reforzar a presenza do galego na celebración do Nadal, como o “Libro dos Reis”, distribuído en todos os concellos da RDL co obxectivo de que as cabalgatas de Reis poidan contar con discursos novos e orixinais en galego da autoría de 26 coñecidas escritoras da literatura galega máis actual. Esta obra, editada por Galaxia e ilustrada por Marina Seoane, pódese descargar de balde en www.xunta.es/linguagalega/arquivos/libro_Reis.pdf.

Á disposición do público infantil a Carta ás Súas Maxestades, que se pode descargar de balde en www.xunta.es/linguagalega/carta_maxestades. A mocidade e o público adulto ten oportunidade, tamén desta volta, de felicitar as festas de maneira personalizada coas divertidas postais electrónicas habilitadas no espazo virtual www.postaisengalego.com.

A guía dixital “Un novo Nadal. Guía de agasallos en galego para a mocidade”, promovida conxuntamente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, achegará, nomeadamente á mocidade e ás familias novas con bebés, unha morea de posibilidades para agasallar este Nadal. Pódese descargar, gratis, en www.xunta.es/linguagalega/arquivos/guia_agasallos_2013.pdf.

17 de decembro de 2013 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.