publicidade hoxe

Xosé Neira Vilas presenta no CPI de San Sadurniño a súa última obra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

“Aquel neno” é unha volta máis de Neira Vilas ao mundo rural para describirnos a vida no primeiro tercio do século XX. Tempos da súa infancia e mocidade plasmados en historias breves dun rapaz da aldea que descubre o mundo que o rodea, con todos os seus costumes, alegrías e tamén sombras. A obra está publicada por Edicións Embora e o propio autor presentaraa hoxe xoves a partir das 15.30h. na casa da Cultura de San Sadurniño.

Xosé Neira Vilas (Gres, Pontevedra. 1928) é narrador, poeta, ensaísta e tradutor. Entre as súas novelas e libros de relatos figuran “Xente no rodicio”, “Camiño bretemoso”, “A muller de ferro”, “Cartas a Lelo”, “Aqueles anos do Moncho”, “Querido Tomás”… 

Pero, sen dúbida, a máis coñecida é “Memorias dun neno labrego”. As andanzas de Balbino -o seu protagonista- son a obra literaria en galego máis traducida a outras linguas e tamén a máis reeditada. A frescura, a sinxeleza narrativa e o retrato descarnado que fai da sociedade rural converteron o libro nun fenómeno dentro e fóra de Galicia, especialmente entre a xente nova.

Neira Vilas revisa de novo aquel mundo en “Aquel neno”. O crítico Armando Requeixo resume no seu blog Criticalia a esencia da obra: “Neira Vilas ou, se se quer, Pepe de Santiaguiño ou Pepe de Gres, pois así era coñecido de neno na súa aldea natal e contorna, recupera a memoria da infancia para gravar en letras un mundo que foi o de tantas e tantos dos nosos devanceiros, a raiceira última dun presente que moitas veces esquece as orixes, a lembranza daquilo do que procedemos e que vai troquelada no noso adn”.

O autor pontevedrés estará hoxe en San Sadurniño para falar “daquel neno que case non o foi”. Será a partir das 15.30h. na casa da Cultura nun acto aberto ao público. Tamén participarán os alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO do CPI, que acaban de ler “Memorias dun neno labrego” e están agora con “Aquel neno”, polo que o encontro co escritor ofreceralles a oportunidade de coñecer máis en profundidade estas dúas obras e, ademais, de compartir impresións cunha lenda viva da literatura galega.

19 de decembro de 2013 | 10:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.