publicidade hoxe

Un plan de voluntariado xuvenil na Comarca do Sar mellora a mobilidade de persoas con enfermidade mental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDodroLocal PortadaXuventude
A-
A+

A través do programa de voluntariado xuvenil, un proxecto na localidade de Dodro que está a coordinar a asociación Andaina pro Saúde Mental e que está a permitir mellorar a mobilidade de persoas con enfermidade mental. Un equipo de 8 mozos e mozas é o que está a realizar esta iniciativa na comarca do Sar que rematará nos próximos días. Desde agosto permitiu a posta en marcha de 200 xornadas de acción voluntaria.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe nesta localidade coruñesa aos membros do colectivo e aos voluntarios da iniciativa ‘Móvete’ que está a ofrecer aos usuarios con enfermidades mentais de Andaina a oportunidade de saír do seu contorno familiar para participar en actividades deportivas, culturais e de ocio. Así mesmo, estase a mellorar a condición física destas persoas e aumentando as súas relacións sociais, ao tempo que se está a estimular o funcionamento cognitivo e promovendo a curiosidade e o interese destas persoas por tomar parte en actividades diferentes das usuais.

Rodeiro destacou que esta actuación forma parte do programa de voluntariado xuvenil que puxo en marcha a Consellería de Traballo e Benestar de forma pioneira en España. “É o primeiro programa en toda España que aposta polo compromiso social directo da mocidade”, apuntou o director xeral, quen explicou que esta iniciativa fomenta a incorporación dos mozos e mozas nas actividades que desenvolven tanto as entidades de acción voluntaria como os concellos.

Os participantes recibirán unha certificación oficial da experiencia adquirida, tal e como quedou fixado na nova Lei de Acción Voluntaria que aprobou a Xunta en 2011 por unanimidade.

Este programa conta este ano cun orzamento de preto de 450.000 euros, un 110 por cento máis que en 2012, o que permitirá, segundo destacou Rodeiro, que os mozos e mozas realicen máis de 31.000 xornadas de acción voluntaria en 46 concellos e 61 entidades.
 

9 de outubro de 2013 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.