publicidade hoxe

O Museo Municipal de Ourense acolle as XXV Xornadas de Banda Deseñada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurense
A-
A+

No Museo Municipal tivo lugar a presentación da XXV edición das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense. Este espazo expositivo albergará ata o vindeiro 27 de outubro as catro exposicións que compoñen este histórico certame, e que un ano máis rende homenaxe ao recoñecido dinamizador cultural Benito Losada.

Os traballos que compoñen esta exposición son “Historia de Galiza en Banda Deseñada”; os premiados no 1º certame Benito Losada en Banda Deseñada (2012) que son Cristian Caruncho, Giovanna Lopalco, Xulia Vicente e Luis Yang; exposición dos fanzines (19 anos) das Xornadas de Banda Deseñada, e finalmente a exposición dos traballos presentados e gañadores da convocatoria de Banda Deseñada do Injuve (Instituto de la Juventud).

Xavier Paz, que falou en representación da Fundación Benito Losada, destacou que se trata da convocatoria número 25, que no contexto da cultura galega é unha edición que poucas veces se ten conseguido, co recoñecemento que debe ter a cidade de Ourense neste contexto, e con Benito Losada como destacado programador cultural. Tamén estiveron as concelleiras de Cultura, Ana Garrido, e de Xuventude, María Devesa. Estas xornadas contan con patrocinio ademais da Xunta de Galicia e da Universidade de Vigo. Outra das actividades que inclúe o certame, é o premio Ourense á mellor iniciativa de Banda Deseñada do ano 2013, que recaiu na revista galega OINK!, a revista do Xabarín Club.

As Xornadas de Banda Deseñada, marcan como é tradicional, o inicio dun intenso outubro cultural que comeza este fin de semana coa VI Edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense – FITO -, e toda a programación da concellería de Cultura, para continuar cunha nova edición do Outono Fotográfico.

3 de outubro de 2013 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.