publicidade hoxe

Unha xornada histórica para inaugurar o consistorio lalinense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalínLocalLocal PortadaPontevedraProvincias
A-
A+
Feijóo e Crespo no descubrimento da placa conmemorativa

Feijóo e Crespo no descubrimento da placa conmemorativa

O alcalde José Crespo estivo acompañado neste solemne acto que conxugou arte, música e luz, polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; pola presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera; polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; polo presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; polo delegado do Goberno en Galicia, Samuel Júarez; polos concelleiros do grupo de Goberno, e por un destacado número de autoridades. entre elas unha boa representación de alcaldes, os do Deza, e o presidente da Fegamp, José Manuel Rey Varela, e tamén por moitos veciños e veciñas que ateigaron o hall do Concello O bispo de Lugo, acompañado do señor párroco de Lalín bendeciu as instalacións deseñadas polos prestixiosos arquitectos Tuñón, presente no acto, e Mansilla, falecido en febreiro de 2012 e a quen se lle dedicou un minuto de silencio

Ás oito da tarde daba comezo o acto de inauguración do “Castro Tecnolóxico”, a “vosa casa” en palabras de Crespo aos lalinenses, no hall de entrada do Concello, cun auditorio repleto de autoridades e de veciños. Despois de gardar un minuto de silencio na lembranza de Mansilla, un dos autores do proxecto recentemente falecido, xunto con Tuñón -presente no acto-, o bispo de Lugo, Alfonso Carrasco, acompañado polo cura párroco de Lalín, Manuel Salgado, que oficiou como arcipreste, bendecía as instalacións.

 De seguido tivo lugar o descubrimento da placa conmemorativa por parte do alcalde de Lalín e do presidente da Xunta; a continuación a Banda de Gaitas da Deputación interpretou o Himno do Antigo Reino de Galicia, que predeceu aos parlamentos das autoridades.

O alcalde de Lalín, José Crespo, indicou que dada a transcendencia do momento optou por ter preparado un discurso para a ocasión rompendo o costume de improvisar e de que elixiu “pajarita” como indumentaria, ao igual que fixo na aprobación do Plan XeraL. Destacou que o Concello é “unha carta decisiva nunha partida de futuro”. Fixo unha explicación de como se xestou o proxecto e do seu proceso construtivo no que dixo houbo dificultades pero “con tesón e  moito traballo conseguimos superalas e hoxe o Concello está totalmente pagado”.

Fixo fincapé no apoio prestado pola Xunta de Galicia, encabezada por Alberto Núñez Feijóo, a través das Consellería de Presidencia (Alfonso Rueda); Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Agustín Hernández) e Cultura (daquela, Roberto Varela), a cuxos titulares autonómicos lle agradeceu a colaboración fundamental para ter este edificio culminado. Tamén lle deu as grazas a persoas e entidades que contribuíron a facer realidade a culminación do proxecto entre eles Xesús Palmou; aos arquitectos, Mansilla e Tuñón; a Román Rodríguez, tenente alcalde e concelleiro de Urbanismo; a Manolo Gómez, concelleiro de Facenda; entre outros moitos. Así mesmo tivo un recordo aos Comendadores do Cocido recentemente falecidos: O Tío Xanete, Tuno Valdés, Paco Lareo, Alfonso Sucasas, Ernesto Faílde e Enrique Beotas.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puxo a Casa do Concello de Lalín como un exemplo da vontade e impulso das distintas administracións e avogou porque o novo edificio xunto coa Feira do Cocido se convirtan en elementos tractores do turismo. Avogou por avanzar na senda dunha nova política municipal camiñando cara a consecución de concellos máis fortes e máis sólidos na que, dixo, Galicia, contará co apoio da Comarca do Deza.

Emilio Tuñón, visiblemente emocionado, agradeceu ao alcalde que fixera o acto de inauguración e tivo lembranzas para “o seu socio”, Mansilla. E o presidente da Deputación fixo fincapé no investimento realizado pola Deputación para a construción do novo Laboratorio de Mouriscade, clave para unha Comarca que ten no sector agrogandeiro un dos seus piares.

Ao remate das intervencións as autoridades desprazáronse ata o Salón de Pleno que vestido para ocasión co “Naranxo” de Laxeiro, cedido pola Universidade de Santiago, asinaron no libro de honras.

Rematados os actos estrictamente protocolarios o cantautor berciano Amancio Prada poñía melodía e sentimento a un concerto, cun amplo número de seguidores, pois o vestíbulo do Concello estaba repleto, e que tiña como fondo o cadro do ilustre pintor lalinense Antón Lamazares.

Ao remate tivo lugar no empedrado de entrada ao Concello o lanzamento do chupinazo en presenza de Alberto Núñez Feijóo, José Crespo e Mari Carmen Aparicio, viúva de Xosé Cuíña. Música de Odaiko Percussion Group e da Carballeira de Cercio puxeron fin a unha velada que quedará na historia do pobo lalinense como a de posta de largo da nova Casa de todos os lalinenses.

Pola mañá celebrouse, como preámbulo da inauguración do Concello, un Pleno infantil no que os protagonistas foron os alumnos de sexto de primaria do colexio Xesús Golmar de Lalín.

21 de setembro de 2013 | 10:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.