publicidade hoxe

O goberno ferrolá colabora coa asociación de veciños e os hostaleiros de Esteiro na celebración do I Mercado Solidario de Segunda Man e Artesanía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

O concelleiro responsable da Área de Economía do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos, presentou hoxe a primeira edición do Mercado Solidario de Segunda Man e Artesanía do barrio de Esteiro e do Festeiro, que se celebrará o vindeiro sábado 10 de agosto de 11.00 a 20.00 horas na avenida de Esteiro. Ao acto, que tivo lugar no Salón de Recepcións da Casa Consistorial, asistiron representantes da entidade veciñal e da recentemente constituída Asociación de Hostaleiros e Comerciantes do Barrio de Esteiro (Ahocobe).

Langtry Caínzos destacou a aposta da Administración municipal a  este evento co que se perseguen dous obxectivos, por un lado dinamizar as rúas de Esteiroo e, por outro, apoiar a actividade do comercio e da hostalería do devandito barrio. Así mesmo, o edil ferrolá subliñou o carácter solidario desta feira posto que a cota que deben pagar os expositores (6 euros) destinarase a Asociación Lazos; ao tempo que animou á cidadanía a visitar esta feira.

Así as cousas, a oferta lúdica no barrio de Esteiro para o vindeiro sábado inclúe un concerto da Banda Ferrolá de Música ás 13.00 horas na praza do Himno Galego; un pasarrúas pola zona do mercado da agrupación Donas e Galáns, e unhas xornadas de xogos populares entre as 11.00 e as 13.00 horas nas inmediacións do pavillón municipal, onde tamén se instalarán inchables para os máis pequenos. Ademais, os hostaleiros súmanse a esta celebración coa organización do “Festeiro”, e a partir das 19.00 horas ofrecerán diversas degustacións nos locais.

7 de agosto de 2013 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.