publicidade hoxe

Apuran os traballos da área de autocaravanas de Loiba

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

O Concello de Ortigueira afronta a fase final dos traballos de construción da área de caravanas de Loiba- Ortigueira. A pretensión do goberno de Rafael Girón e da Asociación Galega de Autocaravanas pasa por abrir a nova infraestrutura turística a principios do próximo mes.

O proxecto, concibido para potenciar ao municipio como destino deste tipo de turistas e cofinanciado pola administración local e o Agader dentro dos proxectos dinamizadores das áreas rurais de Galicia para os anos 2012- 2013, esta a punto de rematarse.

A empresa adxudicataria das obras, nas que se investiron 115.000 euros, executa nestes momentos a mellora de accesos á parcela de máis de 12.000 m² seleccionada para este fin, que se sitúa no lugar de Penela, xunto á pista polideportiva da parroquia de Loiba.

Executados os traballos de acondicionamento do espazo (fundamentalmente a delimitación das 40 parcelas das que dispoñerá, ademais das zonas de rodadura e senllas peonís), os traballos céntranse, como se apuntou anteriormente, na posta a punto do acceso, a finalización do peche e, finalmente, a colocación da sinalización.

A área de aparcadoiro de autocaravanas servirá para potenciar o denominado “Camiño da Costa”, é dicir, a ruta peonil que discorre entre Ladrido e Loiba, impulsando así a proxección deste tramo litoral, de espectaculares praias virxes e fomentar a diversificación socioeconómica da parroquia, ademais de reducir o número de vehículos que se achegan a primeira liña desta costa, pertencente ao LIC Estaca de Bares.

16 de xullo de 2013 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.