Preto de 800 nenos e nenas participan nos minicampamentos da Xunta este verán
A actividade, organizada ao abeiro do programa ‘Coñece Galicia’, inclúe xogos, rutas ambientais, xincanas e visitas.
A iniciativa está enmarcada na programación estival ‘Modo verán activo’, que este ano desfrutan 11.630 rapaces e rapazas en toda Galicia.
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe en Tomiño aos nenos e nenas da segunda quenda do minicampamento Aventura polo Baixo Miño, unha das iniciativas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incorpora na campaña Modo Verán Activo e na que participan preto de 800 rapaces e rapazas nesta modalidade. Alí, Meneses, destacou “a oportunidade que ofrecen estes minicampamentos para coñecer Galicia e o seu patrimonio”.
Tal e como lembrou a directora xeral, trátase dunha modalidade de campamentos que teñen a súa base en aloxamentos turísticos, como é o caso do Hotel Nueva Colina de Tomiño, con estadías de luns a venres, “desde os que a xuventude desfruta de propostas lúdico formativas”, sinalou, “que teñen que ver co ocio saudable e a educación ambiental”.
Neste senso, ata este venres, os participantes desta actividade están formando parte de accións multiaventura como rutas ambientais polos muíños do Folón e do Picón, visitas a Tui ou a Praia América, xogos sobre rodas, tiro con arco, propostas no río da Pedra, así como actividades na praia como paddle surf ou caiac e outras centradas no ámbito artístico.
A cifra de participantes nos minicampamentos está incluída nas 11.630 prazas que a Xunta ofrece na súa programación estival deste 2025, sendo a maior oferta da súa historia, e que abrangue tamén campamentos, campos de voluntariado, actividades para maiores de 18 anos ou a posta a disposición das instalacións xuvenís xestionadas pola Administración autonómica para o seu uso.











