O novo hospital de día de procesos de Vigo permitirá realizar 6.000 tratamentos máis ao ano
A apertura deste novo dispositivo asistencial, que conta cun investimento de 1,2 millóns, permitirá optimizar o funcionamento do actual hospital de día, que realiza principalmente tratamentos oncohematolóxicos e que poderá centrar os seus esforzos neses pacientes.
O novo espazo conta cunha superficie de máis de 400 m2 e con nove boxes individuais, dúas salas de tratamento e tres consultas, das que dúas son de atención médica e unha de enfermería.
Acollerá os procesos asistenciais relacionados cos servizos de dixestivo, medicina interna, pneumoloxía e neuroloxía, entre outros.
No pasado ano, no hospital de día actual realizáronse preto de 40.000 tratamentos, dos que a maior parte deles, case 33.000, corresponden á área de oncohematoloxía.
Con esta apertura, a Xunta dá continuidade a outras melloras xa realizadas nos últimos anos no Hospital Público Álvaro Cunqueiro.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe a posta en servizo, este ano, do novo hospital de día de procesos do Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo, que permitirá realizar 6.000 tratamentos máis anualmente. As novas dependencias supoñen un investimento de máis de 1,2 millóns de euros, entre obra e equipamento.
O titular da carteira sanitaria, acompañado do xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; do director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva; e do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, supervisou o avance das obras do hospital de día de procesos do Hospital Público Álvaro Cunqueiro, que se finalizarán este verán.
Gómez Caamaño remarcou que as novas dependencias contan cunha superficie de máis de 400 m2, distribuídas en nove boxes individuais, dúas salas de tratamento con dez sillóns cada unha, tres consultas, das que dúas son de atención médica e unha de enfermería, ademais dunha sala de espera para os doentes.
O conselleiro detallou que estas instalacións acollerán os procesos asistenciais relacionados cos servizos de dixestivo, medicina interna, pneumoloxía e neuroloxía, ademais doutros procesos cando o equipo médico o considere conveniente.
A apertura deste novo dispositivo asistencial permitirá optimizar o funcionamento do actual hospital de día, que realiza principalmente tratamentos oncohematolóxicos e que poderá centrar os seus esforzos neses pacientes, aumentando ao redor dun 25 % a súa capacidade para ofrecer estas terapias.
Vantaxes para os doentes
O conselleiro de Sanidade incidiu en que, no pasado ano, no hospital de día actual, realizáronse preto de 40.000 tratamentos, dos que a maior parte deles, case 33.000, corresponden á área de oncohematoloxía.
Polo que atinxe aos servizos que agora se trasladarán ao novo hospital de día de procesos, que son os de dixestivo, medicina interna, pneumoloxía e neuroloxía, os tratamentos realizados en 2024 foron preto de 6.000.
Neste sentido, Gómez Caamaño remarcou que a posta en marcha destas novas instalacións permitirá diferenciar dúas áreas de tratamento específicas, posibilitando aumentar a actividade nas que máis o precisan; que outras especialidades poderán atender a demanda de novos tratamentos e técnicas; e que os pacientes pluripatolóxicos complexos recibirán unha atención integral, evitando reingresos e derivacións ao servizo de urxencias.
Polo tanto, con este novo espazo, subliñou Gómez Caamaño, alixeirarase o traballo do actual hospital de día, optimizando os recursos sanitarios, reduciranse os ingresos hospitalarios innecesarios, ademais de atender a pacientes crónicos e agudos sen hospitalización convencional e de posibilitar o seguimento dos casos especialmente complexos, logo da alta hospitalaria.
Máis de 21 millóns de euros de investimento
Con este novo servizo continúanse ampliando as capacidades do Hospital Público Álvaro Cunqueiro e dáse continuidade a outras melloras en obras xa realizadas nos últimos anos neste centro hospitalario por importe de 6,8 millóns de euros.
A eses preto de sete millóns hai que engadir outros 15 para incorporar nova tecnoloxía médica, co obxectivo principal de que a sanidade pública de Vigo e de Galicia siga a ser un exemplo de eficiencia e calidade.











