Medio Rural creará un grupo de traballo específico para unir forzas ante a nova proposta da PAC
 A Consellería do Medio Rural creará un grupo de traballo específico co sector agrogandeiro galego para unir forzas ante a nova proposta da PAC presentada pola Comisión Europea para o período 2028-2034. Trátase de “estar xuntos e unidos, co fin de defender un maior orzamento para esa futura PAC que é tan importante para Galicia”. Así o sinalou a titular do departamento, María José Gómez, tras reunirse esta mañá cos sindicatos e cooperativas agrarias, unha xuntanza na que se acordou tamén convocar o Consello Agrario Galego á volta do verán, por este mesmo motivo. O obxectivo é traballar a favor “do sector rural galego, que engloba todo, e defender os intereses de Galicia” diante desta nova conxuntura, explicou Gómez.

Deste xeito, a conselleira, que estivo acompañada polo director xera da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, transmitiulles a estas organizacións a importancia de unir forzas ante o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Unión Europea ante o período de negociación que se abre.
Neste sentido, demandou de novo unha convocatoria urxente e presencial da Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural. Unha petición que, incidiu, aínda non foi atendida polo Ministerio. Lamentou que a reunión non fora convocada, a pesar de que o propio regulamento da Sectorial establece que estas xuntanzas convocaranse por iniciativa da presidencia ou a petición de, cando menos, seis comunidades autónomas.
Neste sentido, a conselleira sinalou que tanto a reunión do Consello Agrario como a creación do grupo de traballo faranse, en principio, despois da Conferencia Sectorial, pero advertiu que, no caso de non convocarse esta, a Xunta e o sector seguirán traballando da man porque “cómpre protexer os intereses de Galicia diante dunha política tan fundamental para ela como é a nova PAC”, aseverou Gómez.
Nesta liña, a conselleira asegurou que a nova proposta da PAC “preocupa”, tanto polos recortes previstos como pola súa arquitectura. Gómez afirmou que, ao recorte inicial de máis dun 20 % haberá que sumar o incremento no cofinanciamento en varias intervencións, polo que este recorte sería maior. Esta redución de fondos supón de xeito aproximado uns 80 millóns de euros anuais menos para o rural galego e de máis de 400 millóns no conxunto do período de programación da PAC.
Proposta centralista
A titular de Medio Rural denunciou que estamos ante unha proposta “centralista”, ao integrarse a PAC nun fondo común para os gobernos centrais no que tamén se inclúen asuntos sociais, Defensa ou Interior, entre outros eidos. Neste fondo único xeral só quedan blindadas certas medidas da PAC, pero non outras como a intervención Leader ou as que favorecen a mobilidade e a recuperación de terras, por exemplo. Deste xeito, os estados membros serán os encargados de decidir como se distribúen os fondos entre as diferentes intervencións.
En definitiva, a Consellería do Medio Rural traballará conxuntamente co sector para enviar ao Goberno central e a Bruxelas todas as modificacións necesarias para conseguir unha PAC forte, diferenciada e con recursos suficientes. Gómez avogou por unha política agraria europea que non perda a súa esencia e que sexa, verdadeiramente común.

 Enviar a un amigo
 Enviar a un amigo Opinar
 Opinar Imprimir
 Imprimir