Aberto ata o 14 de xullo o prazo para solicitar as achegas de recría de razas autóctonas ameazadas
O obxectivo destas achegas é apostar pola preservación do patrimonio xenético e produtivo, así como pola sustentabilidade no medio rural.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, lembrou hoxe que o prazo para solicitar as achegas para a recría de razas autóctonas de gando bovino e ovino-cabrún ameazadas segue aberto ata o vindeiro luns 14 de xullo. Así o destacou hoxe a titular deste departamento nunha visita á Gandaría A Graña, unha explotación de vacún de carne en ecolóxico da raza autóctona Frieiresa situada no concello ourensán de Xunqueira de Espadanedo.
Durante o seu percorrido polas instalacións, a conselleira estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo e polo propietario da explotación; Alberto Cortés. Alí, María José Gómez explicou que o obxectivo destas achegas é apostar pola preservación do patrimonio xenético e produtivo, así como pola sustentabilidade no medio rural, reflectido no labor de gandarías como A Graña.
Estas axudas contan cun orzamento total de 390.000 euros, distribuídos en 350.000 euros para titulares de explotacións de gando bovino e 40.000 euros para ovino e cabrún. O importe máximo por explotación será de 15.000 euros, e por animal poderá acadar como máximo 350 euros no caso do bovino e 60 euros no caso do ovino e cabrún.
A conselleira incidiu en que a través destas axudas procúrase fomentar a recría para que os titulares poidan substituír os seus animais por exemplares criados na propia explotación desde o desleite. Trátase da primeira vez que se convocan estas achegas, que se complementan a outras accións impulsadas pola Consellería do Medio Rural, como os convenios coas asociacións de criadores ou co Centro de Recursos Zooxenéticos de Fontefiz, que xogan un papel “clave” na conservación e na investigación destas razas, sinalou Gómez.
Pasteiro de Rosedo
A conselleira coñeceu tamén as actuacións que se están a levar a cabo no pasteiro de Rosedo ao abeiro do Plan de Pastos de Galicia, que abrangue unha superficie de 6,4 hectáreas e no que se investiron uns 59.500 euros. O pasteiro conta cun peche perimetral de 1.060 metros con postes de madeira, portas metálicas e un bebedoiro.
María José Gómez lembrou que dende o ano 2020 a Consellería mobilizou máis de 1.930 hectáreas e 80 pasteiros, cun investimento que rolda os 10,5 millóns de euros; nunha aposta que continuará neste 2025 con 26 novos pasteiros que abranguen unha superficie de 519 hectáreas cun orzamento de case 4 millóns de euros.
Así, destacou os importantes beneficios dos pasteiros, que contribúen a favorecer a biodiversidade nos ecosistemas agroforestais, melloran a actividade socioeconómica e diminúen os efectos dos incendios forestais ao rachar coa continuidade dos combustibles, actuando como cortalumes.











