Xunta e clústeres avanzan no Plan Director do sector da loxística
O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, e a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participaron esta semana nunha das mesas de traballo que se están a manter cos clústeres dos sectores produtivos de Galicia para avanzar na redacción do Plan Director do sector da Loxística.
Na reunión, o secretario xeral aproveitou para explicarlles as liñas de traballo dos plans directores e interesouse polas demandas de cada sector co fin de que poidan facer as súas achegas ao Plan e de recoller medidas que axuden a paliar as principais problemáticas que existen na actualidade en materia de loxística industrial.
Finalmente, Nicolás Vázquez, puxo en valor que a Xunta xa aprobou dous plans directores -o da automoción e do naval- e fixo fincapé no papel que desempeñan estes instrumentos de carácter estratéxico e que teñen o obxectivo de potenciar o desenvolvemento da actividade industrial a través de medidas encamiñadas a fortalecer as industrias, mellorando a súa competitividade, fomentando a súa internacionalización, favorecendo a sustentabilidade e impulsando a innovación nos procesos produtivos.











